Mercedes Queixas presenta iniciativas no Parlamento para que a Xunta aumente o cadro de persoal do centro de saúde de Novo Mesoiro

A deputada do BNG Mercedes Queixas rexistrou un feixe de iniciativas –proposición non de lei, pregunta oral e pregunta por escrito- por medio das cales insta a Xunta a que aumente o cadro de persoal do Centro de Saúde de Novo Mesoiro visando dar unha cobertura sanitaria de calidade a todas as persoas da área de influencia deste barrio coruñés

Na exposición de motivos destas iniciativas, Queixas explica que, a pesar de Novo Mesoiro ser un barrio que continúa a medrar en poboación, a súa dotación sanitaria “continúa a ser a mesma que cando se abriu o Centro de Saúde en 2011”. As necesidades aumentan, mais non o fixo na mesma medida o cadro de persoal.

Desde 2011 a única mellora que se ten producido é a dotación dunha praza de pediatría, mais mesmo así non é permanente, pois non hai quen a substitúa nin durante as vacacións nin nas baixas nin nos permisos.

As veciñas e veciños formulan peticións concretas de mellora do cadro de persoal. A primeira pasa pola “verdadeira consolidación do servizo de pediatría” coa substitución da persoa titular cando for preciso. Alén diso, o centro ten que aumentar prazas, unha por cada departamento, nos servizos de matrona, médica de familia, enfermería e administración, co propósito de o centro atender tamén o público en horario de tarde.

Sinala Queixas que entre as deficiencias que presenta o centro se atopan o feito de ter un andar, o primeiro, infrautilizado, de forma que na práctica a atención se concentra no baixo do edificio.

As eivas deste centro de saúde resultan en que “moitas das pesoas da súa área de influencia teñen que solicitar atención, ou xa son derivadas automaticamente, a outras instalacións sanitarias da cidade”, denuncia Queixas, co problema engadido da mobilidade, pois Novo Mesoiro non destaca precisamente por ter unha boa comunicación, vía transporte público, co resto da cidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.