O BNG está “atento e vixiante” ante a creación do xulgado de violencia de xénero en Lugo

Elvira Lombao, responsábel da comisión de acción feminista do BNG: “É unha obriga que Lugo conte canto antes con este xulgado”
Trala xuntanza de seguimento do acordo de investidura celebrada onte en Madrid entre o deputado do BNG, Néstor Rego, e membros do PSOE, o Bloque Nacionalista Galego na Comarca de Lugo amósase “atento e vixiante” no cumprimento do acordo para a creación do xulgado de violencia de xénero en Lugo.
“Esta foi unha das demandas que o BNG impulsou no acordo de investidura do Goberno do Estado, tras un periodo longo de traballo realizado con campañas de mobilización social e nas institucións para acadar este xulgado específico” declarou Elvira Lombao, responsábel nacional da comisión de acción feminista do BNG.
Elvira Lombao valorou de forma “positiva” a xuntanza de seguimento do acordo de investidura respecto á creación deste xulgado especifico, no que destacou “continuaremos atentas, vixiantes e insistentes en que se cumpra este acordo acadado co BNG, é unha obriga que Lugo conte canto antes con este xulgado”.
O BNG considera que este servizo debe estar enfocado na comarcalización, no que se acolla todos os casos que se produzan en Lugo. Así, facendo posíbel unha atención próxima ás vítimas e reducir a perturbación que o proceso xudicial implica.