O BNG leva ao Parlamento a falta de médico no Centro de Saúde de Ourol

Atención Primaria do noso país leva anos sufrindo uns niveis de presión e precariedade imposibles de asumir por parte da sociedade galega e por suposto dos e das traballadoras da nosa sanidade pública.

Esta situación viviuse e vívese con intensidade na comarca da Mariña, que volve ter no concello de Ourol un novo caso de precarización e empeoramento da atención sanitaria. Neste concello de apenas mil habitantes no que a media de idade é moi elevada estase a vivir unha situación na que soamente conta cun facultativo dous días á semana.

Para Daniel Castro, este feito que mostra a grave situación da sanidade pública galega «débese a que a Xunta de Galiza non cubre de xeito continuo a baixa do único facultativo co que contaba o Centro de Saúde. Esta decisión que leva afectando á poboación de Ourol desde hai máis de un mes provocou un grande enfado, reflexado en perto de 500 queixas recollidas nun só día». E afirma tamén que  «volvemos ver como o goberno da Xunta volve afastar os servizos sanitarios públicos dos galegos e galegas que viven no rural e que aínda por riba teñen elevadas idades, unha mestura que lles dificulta aínda máis poder desprazarse a outras lugares da comarca para recibir atención sanitaria».

Por todo isto, o Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego propón que por parte do Partido Popular respondan a estas cuestións que se van formular na cámara e que preocupan sobremaneira a toda a veciñanza de Ourol:

– Cal é a razón pola cal a Xunta de Galiza non cubre de xeito continuo a praza do facultativo do Centro de Saúde de Ourol?

– Está disposta a Xunta de Galiza a cubrir a praza do facultativo do Centro de Saúde de Ourol de xeito continuo?

– Canto tempo considera a Xunta de Galiza que tardará en cubrir este servizo na Atención Primaria de Ourol?

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.