O BNG leva ao Parlamento as alegacións veciñais contra o proxecto de novos accesos ao CHUAC

Unha proposición non de lei e preguntas orais e por escrito son as iniciativas que o BNG acaba de rexistrar no Parlamento galego visando dar traslado á Cámara das alegacións veciñais formuladas contra o proxecto da Xunta de novos accesos ao CHUAC

As iniciativas asínaas a deputada nacionalista Mercedes Queixas, para quen con este proxecto “a Xunta camiña en dirección contraria aos criterios de mobilidade sustentábel que se están a planificar para as contornas urbanas, nomeadamente para as cidades”.

Queixas recolle as obxeccións ao proxecto expresadas desde as asociacións veciñais de Oza-Gaiteira-Os Castros e Eirís da Coruña, para as cales a construción da nova infraestrutura, tal e como está planificada, tería un impacto moi serio sobre os valores paisaxísticos e ambientais dun espazo situado ao pé da Ría do Burgo.

Cuestionan as asociacións veciñais –crítica que o BNG comparte absolutamente- que a tramitación do proxecto se faga polo procedemento dunha avaliación ambiental simplificada, e non ordinaria. Esta última vía, moito máis rigorosa e garantista, é a que se prescribe para obras desta envergadura con forte impacto sobre a contorna.

O proxecto –a edificación dunha nova infraestrutura con tipoloxía en diamante e glorieta elevada con 4 ramais sobre a AC-12- incumpriría as esixencias establecidas no apartado 6.21. do Plan de Espazos do CHUAC e produciría unha inmisión acústica nas vivendas existentes na contorna afectada, segundo as alegacións veciñais.

Non aposta a Xunta con este proxecto polo deslocamento colectivo en transporte público, local e metropolitano, como aconsellan todas as estratexias en curso para mitigar as alteracións climáticas, e si por continuar a privilexiar o turismo privado, especialmente nocivo, entende Queixas, “en espazos sanitarios como é este caso”.

Por todo isto, a proposición non de lei do BNG insta a Xunta a facer dúas cousas. A primeira, emendar o “Proxecto de Mellora dos Accesos ao CHUAC-A Coruña”, incorporando as alegacións rexistradas, para evitar o impacto ambiental e paisaxístico e para promover un modelo de mobilidade baseado no transporte público colectivo. A segunda, tramitar o proxecto pola vía da avaliación ambiental ordinaria e non da simplificada por ser esta moito máis laxa e permisiva.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.