O BNG pon en marcha a web “Viveiro en ruta” para a difusión de rutas e promoción da contorna natural

viveiroenruta.com é a web que remata de pór en marcha o BNG de Viveiro e a súa concelleira, Míriam Bermúdez, ante a gran demanda veciñal e a ausencia de políticas municipais neste eido, co obxectivo de facilitar rutinas e hábitos saudábeis así como de dar a coñecer a nosa envidiábel contorna natural

«Unha web de rutas por todo o concello de Viveiro que conta con mapas interactivos, información e fotos das rutas, estreándose xa con 11 roteiros. O obxectivo de viveiroenruta.com é ir incrementando este número de maneira significativa coa pretensión de ser un proxecto colaborativo que se nutra da participación veciñal, polo que calquera pode contribuir compartindo a súa ruta para que figure na web», incidiu Míriam Bermúdez.

«Coa incorporación desta alternativa de ocio, enriquecemos o abano de actividades en Viveiro contribuíndo de maneira real a desestacionalizar o turismo, potenciando as actividades de ocio ao ar libre e saudábeis», afirmou Míriam Bermúdez, quen demostra con esta web que «con interese, vontade política e apenas recursos económicos, pódense sacar adiante moitas iniciativas nun Concello. Iso si, hai que querer traballar, hai que querer buscar solucións e alternativas.»

Un mandato sen feitos no goberno de Loureiro

«O Concello de Viveiro a pesares de teren dúas páxinas web, en ningunha se poden visualizar rutas ou algunha outra forma de motivación deportiva e de ocio» afirmou Míriam Bermúdez, «de feito está máis actualizada a páxina do BNG de Viveiro, cunha soa concelleira e na oposición, que a do propio Concello con 2 dedicacións exclusivas e 7 concelleiras no goberno.»

«Pero que a web do Concello estea desfasada, non é ningunha novidade» confirmou Míriam Bermúdez, «así é que levamos desde o BNG unha Moción para transformar a páxina web do Concello de Viveiro nun servizo público transparente e actualizado, pero María Loureiro decidiu tumbar a proposta a pesares de darlle o traballo feito mencionando punto por punto as fallas desta web. Tamén levamos outra moción, xa no 2020, para a sinalización e promoción dos rutas de sendeirismo, aprobada en pleno, mais tamén sen feitos».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.