O BNG solicita acceso ao convenio que o Estado lle remitiu ao Concello sobre a antiga prisión provincial

Para Avia Veira, o único convenio que cabe asinar coa Sociedade Estatal de Penitenciarías é aquel que garanta a restitución gratuíta da cadea ao Concello, após o inmóbel ser rehabilitado polo Estado

A concelleira do BNG Avia Veira acaba de rexistrar unha petición de acceso ao convenio que a Sociedade Estatal de Penitenciarías lle remitiu no seu día ao Goberno Local para traspasar ao Concello da Coruña a antiga prisión provincial.

Os servizos municipais teñen ese convenio desde hai máis dun ano, mais a súa existencia foille ocultada ao portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, quen preguntou pola cuestión da cadea no pleno de febreiro pasado sen que o voceiro do Executivo coruñés, José Manuel Lage, fixese ningunha alusión a ese documento.

“Falamos dun convenio de cuxa existencia temos constancia grazas aos medios de comunicación e non grazas a un Goberno de Inés Rey que nolo ocultou a mantenta”, denuncia Avia Veira.

O BNG quere coñecer os termos exactos do convenio e manifesta a súa preocupación, “pois a pouca información que temos vai na dirección de termos que volver pagar por uns terreos que son municipais e apunta tamén A que o Estado se nega a facerse responsábel da rehabilitación do inmóbel”. “Non pode fuxir desa responsabilidade porque foi o Estado quen deixou morrer o cárcere, a pesar de ser un edificio protexido, unha vez que o deixou de empregar para a finalidade para o que foi construído”, alega Veira.

Para o grupo municipal do BNG, o único convenio admisíbel coa Sociedade Estatal de Penitenciarías ten que pasar pola gratuidade do traspaso [sen asumir o pagamento de 1,2 millóns de euros por parte do Concello] e ten que pasar por que o Estado asuma o compromiso de rehabilitar o inmóbel. “Calquera cousa distinta a esa sería unha tomadura de pelo para A Coruña”, afirma Veira.

En todo caso, o contido do convenio remitido ao Concello revela o “pouco peso político” do Goberno Local da Coruña diante do Executivo central. “Non é quen de acadar das súas compañeiros e compañeiros de partido acordos beneficiosos e xustos para A Coruña”, acrecenta a concelleira nacionalista.

E é mágoa porque o cárcere “pode e debe ser un edificio municipal de múltiples usos, culturais, veciñais, e pode e debe acoller un centro de interpretación e servizos para a Torre de Hércules”, unha vella reivindicación do BNG, conclúe Veira.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.