O Concello da Coruña culmina todos os procesos urbanísticos relacionados coa futura estación intermodal

O pleno aproba a modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal que permitirá a reurbanización da contorna da futura estación e a súa conexión coa avenida de Arteixo

O Concello da Coruña aprobou este xoves no pleno ordinario do mes de maio a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal que permitirá concluír todos os procesos urbanísticos relacionados coa futura estación intermodal da cidade. A falta da aprobación definitiva polo organismo competente da Xunta de Galicia, esta modificación permitirá proceder á reurbanización da contorna da estación, que terá influencia na Sardiñeira, Os Mallos e Elviña.

“O proxecto da Intermodal non é para o Goberno de Inés Rey un proxecto máis, non é só unha estación, é un xeito de facer cidade e de dotar de centralidade e investimento aos barrios dos Mallos e Elviña”, sinalou Francisco Díaz Gallego, concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, durante a súa intervención. Esta modificación do PXOM materializarase en melloras nas dotacións que afectan a estes barrios, melloras para as súas rúas, novas zonas verdes e a interconexión a través da estación da avenida da Sardiñeira e do Ferrocarril, inexistente a día de hoxe.

Paralelamente á aprobación desta modificación, o Concello traballa nos proxectos de reurbanización da Sardiñeira e da avenida do Ferrocarril, así como nesa nova vía que comunicará a estación coa avenida de Arteixo. “Desde xuño de 2019 a alcaldesa Inés Rey apostou polo proxecto da intermodal como un proxecto fundamental para o desenvolvemento da cidade”, apuntou Díaz Gallego. O Concello aprobou todos os trámites e convenios requiridos polas diferentes administracións implicadas durante o presente mandato, culminando con esta aprobación definitiva da modificación puntual do PXOM.

O expediente, que foi aprobado cos votos positivos dos grupos do PSOE e PP e a abstención do resto de concelleiros e concelleiras, iniciou a súa tramitación no mes de decembro do 2019, cando a Xunta de Goberno Local aprobara os documentos de avaliación estratéxica e o borrador. A aprobación inicial produciuse no pleno do 8 de abril de 2021.

O documento que se aprobou hoxe reduce os usos terciarios de carácter lucrativo de 45.000 a 5.100 metros cadrados. “Estase a crear unha nova dotación pública que supón un investimento de 90 millóns de euros coa que non só melloraremos a mobilidade da cidade e a súa área metropolitana, senón que revitalizaremos e impulsaremos os barrios dos Mallos e Elviña, convertendo a zona nunha contorna máis atractiva, renovada e reactivada economicamente”, sinalou Díaz Gallego.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.