O Concello de Marín impulsa un proxecto para coñecer e preservar as aplicacións ancestrais das plantas típicas do municipio

Será un traballo realizado polos técnicos Gaspar Bernárdez e Uxía Garcés, e no que se recollerán as denominacións populares das plantas que se inclúan, así como os usos que as persoas maiores normalmente lle daban ás mesmas

O Concello de Marín pon en marcha o proxecto “COÑECEMENTOS ANCESTRAIS SOBRE AS PLANTAS NO CONCELLO DE MARÍN”. O traballo pretende dar a coñecer os distintos nomes comúns e usos tradicionais que as veciñas e veciños do concello deron durante xeracións ás plantas da nosa contorna. Así o trasladaron esta mañá as concelleiras Marián Sanmartín e Cristina Acuña, que se reuniron con Gaspar Bernárdez, coordinador do proxecto.

O estudo, que pretende rescatar e consevar unha parte moi importante do noso patrimonio cultural inmaterial, enclávase no ámbito das disciplinas da Lingüística, a Botánica e a Etnografía; por tanto, de cada unha das plantas recolleranse os nomes comúns empregados pola poboación, a sinonimia coa que se coñece as plantas noutras zonas de Galicia e, de ser posible, a historia de cada termo.

O traballo recollerá o uso que de cada planta fan os agricultores, as amas de casa, os mariñeiros e, en xeral, a xente do ámbito rural, que se recollerá en enquisas e en estudos de carácter etnográfico ou descritivo das distintas parroquias marinenses; confrontándoos, cando os hai, cos datos doutras zonas galegas.

Así, sinalarase a súa utilización como forraxeira ou de pasto para o gando, o seu emprego na alimentación (na cociña tradicional); os seus usos agrícolas ou domésticos para confeccionar determinados instrumentos ou utensilios; o emprego como insecticida ou na medicina popular, indicando as partes da planta que son aproveitadas, a súa preparación e as enfermidades que presuntamente sandan; a súa aplicación no campo das crenzas (como preditiva ou anunciadora de bos ou malos agoiros, como afastadora do mal de ollo ou doutras enfermidades); etc.

O traballo será realizado polo propio Bernárdez (Doutor En Investigación Agraria e Forestal) e Uxía Garcés Ojea (Enxeñeira Técnico Agrícola), contando coa colaboración de Antonio Rigueiro Rodríguez (Catedrático de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.