O Concello renovará o Paseo Marítimo entre o dique de abrigo e o cemiterio de Santo Amaro

Os traballos, nos que se investirán 3,1 millóns de euros, incluirán o soterramento de carrís do tranvía, a creación de novas áreas de xogos, a ampliación de zonas peonís, a mellora do carril bici e case 7.000 metros cadrados de novas zonas verdes

O Concello da Coruña aprobou este venres, en sesión extraordinaria da Xunta de Goberno Local, a licitación dos traballos para reurbanizar o tramo do Paseo Marítimo que conecta o dique de abrigo co cemiterio de Santo Amaro, un percorrido de case quilómetro e medio de lonxitude que se mellorará co obxectivo de humanizar e naturalizar un espazo emblemático da cidade.

Os traballos poranse en marcha dentro da Estratexia Integrada de Desenvolvemento Urbano Sostible (EIDUS) referida ás actuacións e proxectos con fondos FEDER da Unión Europea, e implicarán un investimento de 3,1 millóns de euros para transformar esta sección oriental do Paseo Marítimo e mellorar a contorna en termos urbanos e ambientais. A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor esta intervención, “enmarcada no noso plan de humanización e mellora da cidade, que aposta por unha nova forma de entender a mobilidade en espazos urbanos, así como a recuperación das rúas e o bordo litoral para o gozo da cidadanía”.

A intervención neste tramo de case 1.500 metros abrangue, entre outras cousas, a substitución de firmes, que suporá o soterramento dos carrís do tranvía desde o viaduto que comeza á altura das Ánimas. Por outra banda, actualizarase a infraestrutura, dimensións e firme xa existentes do carril bici, bidireccional e de 2,5 metros de ancho; así como as do carril para correr, tamén bidireccional e de 2 metros de ancho. Ademais, a zona de circulación das bicicletas e as de vehículos motorizados estarán separadas coa disposición dunha ringleira de elementos vexetais.

A reconfiguración do tramo do Paseo Marítimo entre o Dique de Abrigo e o cemiterio de Santo Amaro inclúe a ampliación das zonas verdes xa existentes. Ademais da plantación de novos exemplares de especies como bidueiros e liquidámbar (80), levaranse a cabo melloras nas zonas axardinadas xa existentes, onde se disporá unha rede de aspersores para a súa boa conservación. Está previsto axardinar case 7.000 metros cadrados.

As intervencións de carácter medioambiental amplíanse coa modificación da rede actual de iluminación. Neste sentido, o Concello acometerá a actualización do sistema para adecualo aos parámetros actuais de eficiencia enerxética, e dispoñerá unha nova liña de lámpadas led en substitución das existentes actualmente na medianeira e o bordo da calzada.

O Concello levará a cabo, ademais, a posta en marcha dun novo espazo de xogos e deporte que estará situado fronte á enseada dos Pelamios. A reconfiguración da contorna permitirá a posta en marcha dunha zona de xogos infantís, unha pista multideporte e unha segunda área deportiva que contará cun circuíto de calistenia. Ademais, tamén neste enclave, disporanse dúas zonas de estacionamento para bicicletas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.