O Día das Letras Galegas en Carballo tamén é o Día do Pequebasket

Dende que celebrou a súa primeira edición, no ano 2012, o Pequebasket converteuse nun dos eventos que nos sitúan como referente do deporte galego cada 17 de maio. Despois de dous anos de ausencia obrigada, dez anos despois daquela histórica primeira edición, este martes asistiremos á oitava entrega do Pequebasket.

O presidente da Escola Basket Xiria, Primitivo Xurxo Reguera, e o director deportivo, Arturo Ferraces, presentaron hoxe o programa do 8º Pequebasket acompañados polo alcalde, Evencio Ferrero, e polo concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quen asegurou: “Estamos felices de poder recuperar o Pequebasket”.

As cifras demostran que había ganas de Pequebasket, porque está confirmada a participación de 36 equipos, malia que nesta edición se limitou o número de asistentes. O que non varía é o espírito da xornada, deseñada para que conflúan o deporte, a cultura, o ocio, a diversión e a amizade entre os nenos e nenas de 5 a 8 anos aos que vai dirixida. O presidente de Basket Xiria expresou a súa satisfacción porque algúns dos participantes nas primeiras edicións súmanse agora á organización, colaborando no desenvolvemento da actividade. Primitivo Xurxo Reguera agradeceu tamén o apoio do Concello de Carballo, a Federación Galega de Baloncesto, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, así como “empresas e socios do club que apostan por este proxecto”.

O alcalde louvou o traballo e o compromiso da Escola Basket Xiria coa promoción do deporte dende a infancia e destacou unha vez máis a coincidencia do Pequebasket co 17 de maio. “Ben está que o Día das Letras sexa tamén o día da promoción do deporte, e que se fagan festas deportivas, porque son festas das que desfruta toda a familia”, manifestou.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.