O documental “A poeta analfabeta”, sobre a escritora Luz Fandiño, protagonista das proxeccións do Ciclo Mestre Mateo na provincia de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación financia este circuíto de cine en galego, con proxeccións en Vilalba, A Pobra do Brollón, Foz, Sarria e Chantada

O filme “A poeta analfabeta”, sobre a escritora e activista Luz Fandiño, proxectarase durante este mes de maio en Vilalba, A Pobra do Brollón, Foz , Sarria e Chantada, dentro do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Vicepresidencia da Deputación.

Trátase da segunda proxección programada neste circuíto, que contempla a exhibición dos oito filmes finalistas dos Premios Mestre Mateo nas categorías de mellor longametraxe documental e mellor longametraxe de ficción, cunha proxección cada mes durante todo o ano.

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, convidou a “asistir a estas proxeccións  programadas nas distintas comarcas co obxectivo de achegar o cine en galego a todo o público e afianzar a demanda de produción audiovisual no noso idioma, que é algo que entendemos fundamental para avanzar na súa normalización”.

A deputada de Cultura  explicou “ que se trata da terceira proxección dentro deste circuíto que promovemos xunto a Academia Galega do Audiovisual, e que xa levou outros filmes finalistas dos Mestre Mateo a estas vilas como “O Gran Camiño” e “A virxe roxa”

“A poeta analfabeta”

O documental, dirixido por Sonia Méndez e producido por Nati Juncal Portas, percorre a vida da poeta e activista Luz Fandiño, desde o seu nacemento en Santiago de Compostela en 1931, ata o seu retorno á cidade en 1979, onde reside, despois de vivir a experiencia da emigración en Arxentina e Francia. Foi en Bos Aires onde empezou a ler e escribir en galego. Autora dos poemarios Farangulliña de neve (1998), O pracer de envellecer (2014), e Espiñas e pensamentos (2016) a escritora é unha referente para as xeracións máis novas pola súa actitude rebelde e combativa.

A película foi estreada na 35 edición de Cineuropa e proxectada na 16ª edición de la Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE). Tamén resultou finalista na categoría de Mellor documental nos XX Mestre Mateo.

Proxeccións

Vilalba – Domingo, 15 de maio. Auditorio Municipal. 20.00 horas. Colaboran Instituto de Estudos Chairegos e Concello de Vilalba

Foz – Sábado, 21 de maio Casa da Cultura. 18:30 horas. Colabora Concello de Foz.

Sarria –  Sábado, 21 de maio. Sociedade Recreativa La Unión. 19.00 horas. Colabora Cineclube Leslie Nielsen  e Sociedade Recreativa La Unión.

A Pobra do Brollón –  Venres, 27 de maio.  Casa da Cultura Olga Novo. 20:15 horas. Colabora Concello da Pobra do Brollón.

Chantada – Sábado, 28 de maio Auditorio Municipal. 20.00 horas. Colaboran Airoá Comunicación e Concello de Chantada.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.