O FIOT abre a inscrición para participar na nova edición do Certame Metro Cadrado

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo promove a sexta edición desta iniciativa de teatro de proximidade, o primeiro de Galicia, e que visualiza novos formatos e experiencias escénicas

Carballo prepárase para celebrar, no vindeiro outono, a gran festa das artes escénicas de Galicia: regresa o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, que este 2022 festexará a súa 31ª edición. No marco da súa programación habitual, o FIOT abre este mes a convocatoria do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, unha das liñas de programación máis queridas polo público local ao ofrecer creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares da localidade.

Micro-Escenas Metro Cadrado, o primeiro certame de microteatro que se realiza en Galicia, nace ao abeiro do FIOT como unha proposta específica de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes. Á vez que se difunde e visibiliza o seu traballo, as artistas son quen de xerar, no marco dun festival, novas experiencias teatrais, de pequeno formato, en contextos non habituais para a representación escénica, que contextualizan e serven de escenografía natural da obra nos que un número moi limitado de asistentes se situará a curta distancia dos intérpretes. Así, Metro Cadrado ofrece cada ano ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade, que posibilita a captación de novos públicos e a implica á veciñanza en proxectos escénicos.

Neste mes de maio, o FIOT abre a inscrición da sexta edición do certame, no que convida ás compañías ou artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…) de entre 10 e 20 minutos, que se poida poñer en escena, especificamente, nun espazo non teatral entre o 7 e o 29 de outubro de 2022.

Este ano os espazos ofertados serán o despacho do alcalde, un posto do mercado de abastos, unha pista de skate, unha aula empresarial, o balcón do Concello de Carballo para ver desde a rúa, un parque ximnasio para maiores, o espazo debaixo dunha ponte ao lado do río, un espazo cultural, un estudo de fotografía, unha tenda-fábrica de chocolate artesanal, unha tenda de zapatillas deportivas e moda urbana, e o o escaparate dunha tenda de zapatillas deportivas

As propostas poderán ser tanto pezas orixinais como pezas xa estreadas, aínda que o xurado do certame (composto por diferentes persoas relacionadas coas artes escénicas) terá en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia. Ademais, atendendo ao interese do FIOT nos proxectos e experiencias teatrais singulares que fan un uso innovador de cultura dixital e a tecnoloxía, procurarase seleccionar cando menos unha proposta que se desenvolva ou no que teña un peso moi claro os medios en liña ou virtuais.

As pezas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas, recibirán unha compensación económica de 450€. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á Mellor nterpretación e ao Mellor Espectáculo. A dotación en premios do certame é dun total de 3.000€. O prazo de presentación de solicitudes, que se pode facer a través do correo electrónico fiot.microteatro@gmail.com, rematará o 30 de xuño.

Un certame aberto á diversidade

Nas súas primeiras cinco edicións, o Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado acadou un importante éxito en canto ás propostas recibidas, tanto polo seu número (180) como pola calidade e diversidade das pezas; sendo quen de suscitar o interese de creadores e creadoras de múltiples perfís tanto de de creadores individuais, coma de equipos (integrados por 3-5 persoas), da veciñanza e mesmo dos axentes económicos, comerciais ou cidadáns de Carballo que colaboraron coa cesión de espazos. Neste primeiro lustro de actividade, Metro Cadrado contou con funcións, entre outros puntos do territorio, nun lavadoiro municipal, nunha barbería, nunha perruquerría, nunha paquetaría, nas fiestras da Ludoteca Municipal ou mesmo no Salón de Plenos.

No 2021 o FIOT recibiu un total de 36 propostas para participar no Metro Cadrado, tanto de profesionais destacados da escena galega como de colectivos ou agrupacións de afeccionados. As pezas que participaron, seis estreas absolutas, foron A miña casa é un palco de música, de Sara Guerrero (gañadora do recoñecemento do público á Mellor Interpretación); A/O pesar do tempo, de David Rodas González; Des-abonar, de Arroutadas (Lydia Prada e Mario Rodríguez López); Na sombra, unha árbore, de Ana Abad de Larriva; OldPlay, de Antón Coucheiro (gañadora do premio do público como Mellor Espectáculo); e Os crocodilos son bichos extremadamente vaidosos, de Núñez& Is Socios Limitados (Jimmy Núñez e Ernesto Is).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.