O Galicia Fórum Gastronómico regresa á Coruña do 25 ao 27 de setembro

O maior evento culinario profesional do norte de España regresará a Expocoruña despois de tres anos de ausencia pola pandemia

O maior evento gastronómico profesional do norte de España volve á cidade da Coruña. O Galicia Fórum Gastronómico regresa a Expocoruña entre o 25 e 27 de setembro cunha edición que estará centrada na sostibilidade e os seus valores no ámbito culinario.

Co regreso deste grande evento o Goberno de Inés Rey continúa a avanzar no seu modelo turístico para A Coruña, anunciado pola propia alcaldesa na pasada edición de Fitur. O concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, participou esta mañá na presentación do evento nun acto no Hotel NH Collection Finisterre. “Buscamos consolidar un modelo que nos converterá no gran referente do norte do país. Apoiamos e colaboramos desde o Concello co turismo de grandes eventos e o turismo gastronómico, que converxerán nesta nova edición do Fórum Gastronómico”, sinalou Borrego.

O espazo do Fórum acollerá tanto empresas líderes no sector gastronómico e da restauración como pequenos produtores e artesáns da alimentación. Entre os eventos previstos destacan clases e obradoiros maxistrais en directo, así como exposicións de proxectos consolidados e novas apostas dentro do panorama gastronómico atlántico.

O Galicia Fórum Gastronómico constitúese como a gran feira de referencia para distribuidores e produtores do sector Horeca. Empresas cárnicas, lácteas, conserveiras ou adegas, ademais de negocios de maquinaria para hostalería, entre outros, contarán con espazos na exposición.

Desde a súa primeira edición no ano 2008, este evento converteuse nun punto de encontro entre profesionais e un acceso para persoas emprendedoras. A Coruña acolleu as súas últimas catro edicións. A última delas, celebrada en marzo do 2019, rexistrou máis de 24.000 visitantes.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.