O Grupo Socialista da Deputación de Lugo demanda á Xunta que elabore un plan de recuperación e sinalización do trazado do Camiño Real

Que se realice tendo en conta as achegas das administracións locais e que inclúa ademais accións de promoción da ruta como atractivo cultural e turístico, ligado á promoción xeral das diferentes rutas do Xacobeo na provincia de Lugo.

Así o defenderá o Grupo Socialista na Deputación de Lugo, a través dunha moción, que será debatida no Pleno ordinario do vindeiro martes 31 de maio. A través desta proposta solicitan “que o devandito plan se aplique á totalidade dos concellos polo que pasa o trazado do Camiño Real, e non de xeito parcial como se fixo nos traballos do ano 2017”.

Entre o seu rico patrimonio cultural e histórico, a provincia de Lugo conserva as trazas do proceso de modernización das vías públicas acometido en España ó longo do século XVIII. Entre 1761 e 1785, o plan de reforma das principais vías da península aplicouse tamén ó Camiño Real de Galicia, que transcorría entre Madrid e A Coruña. Polo que respecta á provincia de Lugo, os traballos de mellora desta vía acometidos polo enxeñeiro francés Carlos Lemaur suporán o descubrimento da Vía Romana XIX.

De feito, o trazado do novo Camiño Real vaise superpoñer ó da vella calzada latina. O seu percorrido entra na provincia por Pedrafita, percorre os concellos de Triacastela, As Nogais, Becerreá, Láncara, O Corgo, Lugo, Outeiro de Rei, Rábade e Begonte, e sae cara á provincia da Coruña por Guitiriz.

Este exemplo de enxeñería pública da Ilustración ten deixado na nosa provincia vestixios culturais como o leguario de Garabolos, que sinalaba unha distancia dunha legua (5,5 km.); o fito miriamétrico de Agüeira, en Becerreá, un dous poucos sinais da época conservados que marcaban unha distancia de 10 km.; ou mesmo o uso desta mesma ruta, en tempos anteriores, como ligazón entre os trazados xacobeos do Camiño Francés e o Camiño Primitivo.

Un proxecto sen poñer en valor

A pesares das reclamacións de veciños, asociacións culturais e medioambientais e estudosos de distintos ámbitos, o Camiño Real de Lugo non ten acadado das autoridades da Xunta a protección e a posta en valor que merece a súa importancia histórica. Non foi ata o ano 2017 cando a Xunta deseñou un plan parcial para facer tarefas de sinalización nos concellos de Triacastela, As Nogais, Becerreá, Láncara e O Corgo. Un plan no que apenas investiu daquela 50.000 euros e que quedou logo interrompido, sen estender ao conxunto do trazado.

“Dende o Grupo Provincial Socialista, temos un firme compromiso coa conservación e a posta en valor do noso patrimonio cultural, polo seu valor en si, como legado que debemos protexer, pero tamén pola súa importancia á hora de dinamizar o rural e xerar unha oferta turística de calidade”, remarcan dende o PSdeG.

Foto. Camiño Real

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.