O PP demanda a pavimentación con aglomerado en quente de senllos tramos en Samos das estradas LU-P 5603 e LU-P 5601, a substitución dos sinais ilexibles e a instalación de garda-raíis

Moitas das estradas da rede da Deputación provincial están en mal estado e teñen unha sinalización escasa e deficiente. Así o comproba o grupo provincial do PP, cando a petición dos veciños revisa o estado no que se atopan as vías. O portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, recorreu “as estradas provinciais do concello de Samos, a petición do portavoz do portavoz municipal do PP e deputado provincial, José Fernández, e temos que denunciar moitas deficiencias, tanto na sinalización, como pola falta de elementos de seguridade e o mal estado do pavimento nalgúns tramos”.

Castiñeira explica: “En Aira Padrón, nun cruce importante de estradas provinciais neste concello, a sinalización  está totalmente borrada, ou emborronada, de tal maneira que é imposible saber que é o que indica. Leva tempo así e os veciños demandan que se corrixa o antes posible. Este mesmo problema dáse en numerosos puntos da rede de estradas provinciais no concello de Samos”.

A falta de medidas de seguridade para evitar saídas de vía en puntos especialmente perigosos é unha carencia xeralizada na rede de estradas provinciais. O portavoz popular explica: “No caso da LU-P 5603, que vai de Samos ao Courel, os veciños piden a instalación de garda-raíis, biondas, nos bordes da estrada, alí onde hai grandes desniveis, especialmente onde é frecuente que en inverno haxa xeo”. Os veciños tamén piden que se remate a pavimentación en aglomerado en quente, como xa ten unha parte desta vía

Con respecto á LU-P 5601, os veciños de Samos demandan que, entre Chelo e a Cruz de San Xoán, esta estrada sexa pavimentada con aglomerado en quente. O actual pavimento está en mal estado, pese a que recentemente se taparon algunhas fochancas.

Castiñeira anuncia que no próximo pleno os populares solicitarán que a Deputación repare as deficiencias indicadas nas citadas vías.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.