O programa de tabaquismo de Carballo cumpre oito anos cun incremento da demanda

O ano pasado achegáronse ata a Unidade de Condutas Adictivas (UCA) do Concello de Carballo un total de 35 persoas para participar no programa de deshabituación do tabaco. Dende que se puxo en marcha a atención específica a pacientes con diagnóstico de abuso ou dependencia do tabaco e o alcohol, no ano 2014, a cifra de usuarios/as non deixa de medrar

No caso concreto da adicción ao tabaco, o programa de deshabituación está estruturado arredor de 6 sesións, cun enfoque multidisciplinar. Tal como explica a directora da servizo, Lourdes Suárez, “aínda que a abordaxe do problema é, principalmente, de tipo psicolóxico, os pacientes tamén reciben atención médica, coa finalidade de avaliar a necesidade de apoio farmacolóxico para deixar de fumar”.

Neste Día Mundial sen Tabaco o Concello de Carballo pon á disposición da cidadanía, a través da UCA, un programa específico para o tratamento das adiccións ás drogas legais, pero tamén ao xogo, ás compras ou ás novas tecnoloxías. Ante calquera problema deste tipo poden dirixirse á Unidade de Condutas Adictivas, no edificio do antigo ambulatorio ou chamando ao teléfono 981756275, pero tamén poden falar co médico de cabeceira, xa que os casos que se atenden na Unidade de Condutas Adictivas deben ser derivados por facultativos do Servizo Galego de Saúde. A UCA de Carballo é o centro de referencia para a poboación das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra.

Ademais da UCA, que se centra no tratamento das persoas con adiccións, en Carballo tamén a Asociación Antidroga Vieiro traballa contra o tabaquismo dende o ámbito da prevención. Precisamente arredor deste Día Mundial sen Tabaco levou a cabo un taller para usuarios/as dos centros de APEM e Aspaber.

Esta noite, ademais, a Casa do Concello estará iluminada de cor verde para chamar a atención sobre o problema que supón o tabaco dende o punto de vista sanitario e tamén medioambiental.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.