O programa para deixar de fumar da USC ten unha taxa de éxito do 70%

Trátase dun innovador tratamento psicolóxico de oito sesións (unha por semana) dunha hora de duración en formato grupal que se complementa co uso dunha App

O 70% das persoas que participan no programa para deixar de fumar da USC logra poñer freo a esta adicción. Son datos facilitados pola Unidade de Tabaquismo e Trastornos  Aditivos da Facultade de Psicoloxía que ofrece de balde este programa en liña que se desenvolve a través de videochamadas. “Trátase dun innovador tratamento psicolóxico de 8 sesións (unha por semana) dunha hora de duración en formato grupal que se complementa co uso dunha App”, explica o director da Unidade e catedrático de Psicoloxía Clínica da USC, Elisardo Becoña. A Unidade está coordinada pola profesora de Psicoloxía, Ana López.

A novidade deste tratamento consiste na posibilidade de realizalo a través de  videochamadas  e o uso dunha App que foi desenvolvida para apoiar todo o proceso de abandono do tabaco. “A App inclúe diferentes estratexias terapéuticas deseñadas especificamente para deixar de fumar e para o mantemento da abstinencia”, explica o profesor Becoña. Así, conta con contidos para distraer á persoa usuaria como exercicios de relaxación e facer fronte aos momentos de alto desexo de consumo. Tamén incorpora estratexias motivacionais para conseguir a abstinencia. “As persoas que participan no programa non só realizan as sesións cun terapeuta, senón que tamén teñen no seu móbil os recursos necesarios para manterse sen fumar”, engade o catedrático da USC.

O 97% das persoas usuarias están satisfeitas coa utilización da App, a mesma porcentaxe recomendaría o seu uso a outras persoas e o 98% considéraa fácil de usar. “Quen queira deixar de fumar, aínda está a tempo de participar no noso programa, só necesita dispoñer dun dispositivo electrónico con conexión a internet: tableta, computador ou teléfono móbil”, explican dende a Unidade.

As persoas interesadas en participar no programa para deixar de fumar da USC poden chamar ao teléfono 881 81 39 39, ou escribir aos enderezos electrónicos elisardo.becona@usc.es ou ana.lopez@usc.es.

O profesor Becoña é o director desta Unidade da USC. FOTO: Santi Alvite
O profesor Becoña é o director desta Unidade da USC. FOTO: Santi Alvite

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.