O PSdeG sinala que “hoxe lle caeu a careta a Rueda” ao evidenciar que “non hai vontade de dialogar” para retirar a Jácome da alcaldía de Ourense

José Manuel Lage apunta que a ausencia do PP á xuntanza convocada polos socialistas en Compostela demostra que “lles interesa manter como alcalde a un señor que avergonza a toda a cidadanía”

O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage, apuntou que “hoxe lle caeu a careta a Rueda”, logo de que o PP renunciara a acudir a unha xuntanza para depoñer a Jácome da alcaldía de Ourense. Lage presentouse nun hotel compostelán xunto cos responsables socialistas de Ourense, Natalia González e Rafael Rodríguez Villarino, onde “o PP deixa meridianamente claro que non hai vontade de falar nin de dialogar”.

“Hoxe xa non valen escusas”, sentenciou antes de sinalar que “Alfonso Rueda é o responsable de que o PP siga mantendo na alcaldía de Ourense a un señor que avergonza á cidadanía, non se lle pode pedir ao PSdeG ningún tipo de responsabilidade”. Lamentou que coa súa ausencia teñan demostrado que “o que menos lle preocupa son os intereses dos ourensáns”.

Así o dixo logo do último episodio do alcalde, zarandeando a unha sindicalista, preguntou “que máis ten que pasar para que o PP decida deixar de darlle o seu apoio a Jácome como alcalde”. Concluíu que “ao PP non lle interesa en absoluto falar de nada que non sexa manter ao alcalde, o resto é un paripé que lles xera incomodidade, pero non van facer nada por sacalo da alcaldía”.

Lembrou que os socialistas foron a primeira forza electoral na cidade, e naquel momento Feijóo fixo alcalde de Ourense ao candidato da terceira lista en representación cidadá. “Naquel momento Feijóo non aplicou a máxima que di defender de que goberne a lista máis  votada”, un criterio que Rueda está disposto a manter, demostrándose “digno sucesor do Feijóo trilero, que actúa sen ningún escrúpulo”.

“Caeulle a careta en 48 horas”, dixo, “e despois dos fastos, da publicidade e da propaganda, logo de encumbrar a Rueda como presidente da Xunta, vemos que a forma de proceder é a mesma”. O seu único obxectivo, engadiu, é “que non goberne o Partido Socialista, o resto son contos ou contiños, neste caso co señor Rueda son contiños.

Explicou que os socialistas galegos acudiron á xuntanza de hoxe “sen ningún tipo de condicionante, non lle dixemos quen ten que ser alcalde ou alcaldesa, que cambios queremos na Deputación, non puxemos nomes sobre a mesa”. Explicou que “o único que fixemos foi emprazar ao PP a resolver a indignidade de Ourense, e a súa resposta é a cadeira baleira”.

Deste xeito, engadiu, “converten Ourense nunha boa mostra para toda España da acción política de Feijóo, que é un trileiro político profesional”, e dun PP que en Andalucía e Castela A Mancha, cando o PSOE era primeira forza “non dubidaron en aliarse con Vox para facerse co goberno”.

Emérito

O responsable socialista lamentou hoxe a “falta de coñecementos” demostrada polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao sinalar que a visita do Rei emérito a Sanxenxo ía poñer a Galicia “no mapa”.

Lamentou o “descoñecemento importante da historia” dunha Galicia que “leva no mapa dende hai centos de anos”, e recomendoulle que comece por ler a Afonso X O Sabio, antes de lembrar ao cartógrafo Domingo Fontán, autor do primeiro mapa topográfico de Galicia no século XIX.

“Non é a mellor aportación do presidente de Galicia nas súas primeiras horas”, dixo, para apelar á visita do Rei emérito, que viaxará a Sanxenxo nunha “situación de orde privada con transcendencia pública”. Lage sinalou que “aos españois non é unha situación que nos encha de orgullo e satisfacción, máis ben o que nos xera é unha sensación amarga”.

Lembrou que “quen ostentou a xefatura do Estado non cumpriu coa exemplaridade que se lle espera coa súa práctica”, e engadiu que “a unha boa parte da poboación non lle parece que haxa que andar facendo ostentación de nada”.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.