“O sucedido este domingo no partido de fútbol é indigno dun representante público”, sinalan dende o PP de Pol

“O sucedido este domingo no partido de fútbol é indigno dun representante público”. Así o indican os populares de Pol ao abeiro dos feitos acontecidos esta fin de semana e que incluíron, supostamente, a agresión por parte do alcalde deste municipio a un siareiro do Portomarín.
Neste senso, consideran que o rexedor debe pedir desculpas publicamente, pois “a imaxe do noso pobo quedou moi danada”. Asemade, dende a formación popular, e “ante a gravidade do sucedido”, afirman que o socialista debería “porse a un lado”. “Por dignidade política e persoal, o alcalde debería deixar as súas funcións como tal”, polo menos, sinalan, ata que se esclareza o caso e se diriman responsabilidades.
A ética do PSOE
Os populares pregúntanse así “onde está á ética que tanto defende o Partido Socialista”. “Que pensan o secretario provincial e o autonómico, é dicir, o Sr. Tomé e o Sr. Formoso, sobre o sucedido?. Dende logo, moi positivo non é ter a un alcalde que, no pasado, xa foi noticia a nivel nacional pola súa saída de ton na Deputación contra un deputado provincial, e agora sexa o autor, supostamente, dunha agresión a un afeccionado”.
Con todo, dende o PP agardan que este suceso non volva a repetirse, “pois a ningún veciño nos gusta que Pol volva a saír nos medios de comunicación polas malas formas e continuas faltas de respecto do alcalde que temos”.