O TSXG ratifica que a CRTVG sancionou a Carlos Jimenez en represalia por mobilizarse nos ‘venres negros’

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ratificar a condena contra a CRTVG por sancionar un traballador como represalia por mobilizarse nos venres negros. Desestimou así o recurso de suplicación presentado pola Corporación contra a sentenza do Xulgado Social Número 1 de Santiago, que anulara a sanción que se lle impuxera o xornalista e locutor Carlos Jiménez, un dos rostros máis visibles e implicados na protesta contra a manipulación nos medios públicos impulsada polo colectivo Defende A Galega.

Aquela sentenza advertira da «relación causal e tamén temporal» da sanción que lle fora imposta a Jiménez cos procesos xudiciais que o traballador gañou á CRTVG e «coa manifestación da súa discrepancia xornalística a respecto da política informativa da corporación». E advertira de que a «inmediatez temporal existente entre a mobilización Venres Negros iniciada a finais de maio de 2018 con activa participación do traballador», permitía concluír que a sanción fora «unha resposta da entidade demandada á actuación legal e xornalística do demandante nunha relación causa-efecto«.

No ditame, o TSXG destaca que a Corporación, fronte á coincidencia case temporal entre a apertura da expediente e o inicio dos venres negros, «non probou que a sanción tivese obedecido a un propósito alleo ás represalias polas accións exercitadas» no marco da mobilización.

O caso data xa do outono de 2018, cando a CRTVG arquivou o expediente que abrira á xornalista Tati Moyano, presentadora do Telexornal Serán que dimitira dese labor xunto a Alfonso Hermida para denunciar control informativo na canle pública e que reivindicara ante o presidente da Xunta as protestas dos venres negros a prol do cumprimento íntegro da lei de medios. A Corporación expedientáraa por utilizar o servizo de maquillaxe da canle para presentar unha gala benéfica contra o cancro.

Fuente: Praza Pública

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.