Ortigueira, A Laracha e A Pobra acollen esta fin de semana o regreso da Volta Ciclista á provincia da Coruña

Dezanove equipos percorerrán 400 quilómetros nun gran espectáculo ciclista que culminará o domingo no miradoiro da Curota

Ortigueira, A Laracha e A Pobra do Caramiñal acollen entre mañá e o domingo as tres etapas da XIX edición da Volta Ciclista á Provincia da Coruña. Un gran espectáculo deportivo que regresa ás estradas coruñesas co impulso da Deputación da Coruña e a Federación Galega de Ciclismo tras dous anos de parón obrigado pola pandemia.

O evento foi presentado esta mañá na sede da institución provincial polo presidente Valentín González Formoso, a deputada de deportes, Cristina Capelán, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, os alcaldes de Ortigueira e A Pobra, Juan Penabad e Xosé Lois Piñeiro, e a concelleira de Promoción Económica da Laracha Rocío López, os municipios que serán sede das tres etapas que se disputarán esta fin de semana.

“Estamos moi satisfeitos porque a Volta á Provincia supón o regreso dun clásico do ciclismo tras dous anos de  pandemia”, afirmou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que deu a benvida e desexou éxitos deportivos aos integrantes dos 19 equipos participantes da categoría Élite Sub-23 nacional, “entre eles moitas futuras promesas do ciclismo galego, que desde mañá ata o domingo percorrerán 400 quilómetros en tres etapas nas que poderemos gozar do mellor ciclismo e que culminarán o domingo no mirador da Curota”.

Formoso destacou o apoio da Deputación a este e outros grandes eventos ciclistas como o Gran Fondo do Ézaro, o Gran Camiño ou a proba de ciclismo feminino de La Vuelta Cerazitit Challenge, que traen o mellor ciclismo á provincia coruñesa, así como o impulso que o Goberno provincial está dando á creación e ampliación de carrís bici e proxectos singulares de mobilidade sostible como a Vía Verde que conectará Santiago e Cerceda con 36,5 quilómetros de sendeiros ciclables sobre as antigas vías do ferrocarril.

Pola súa banda, o presidente da Federación de Ciclismo de Galicia, Juan Carlos Muñiz Nieto, agradeceu á Deputación da Coruña que siga “apostando polo deporte da bicicleta, non só a modo de competición, senón tamén como transporte sostible”, sinalou facendo referencia aos carrís bici nos que traballa o ente provincial. “Esta Volta ciclista move a unhas 300 persoas entre deportistas e organización”, informou Muñiz, que incidiu en como isto repercutirá de forma positiva na economía local. “Se a isto lle engadimos público e familiares de deportistas, as cifras son aproximadamente de cerca de 1.000 persoas seguindo directamente esta Volta ciclista á provincia”, engadiu.

“A Volta non só promove o deporte, senón que é tamén unha excelente escaparate para dar a coñecer as excelencias da provincia da Coruña”, afirmou a deputada de Deportes, Cristina Capelán, que destacou o gran traballo realizado pola Federación Galega de Ciclismo e os municipios de Ortigueira, Laracha e A Pobra, así como a colaboración da Guadia Civil de Tráfico ou Protección Civil “para que o retorno da Volta sexa un éxito”. Capelán incidiu ademáis no apoio que, desde o seu departamento, se da tanto ao ciclismo afeccionado como aos grandes eventos deportivos desta disciplina.

Tres etapas para un gran espectáculo deportivo

A Volta comeza mañá venres, 27 de maio, ás 13.00 horas no paseo do Malecón de Ortigueira cunha etapa de 136,4 quilómetros que discorrerá tamén por Valdoviño, San Sadurniño, Moeche, Mañón, O Barqueiro e Espasante, entre otros puntos.

O sábado 28, a etapa terá saída e meta na Laracha, cun percorrido de 141 quilómetros que pasará por Carballo, Malpica, Corme, Ponteceso e Cerceda.

O domingo, 29 de maio, a etapa parte da Pobra do Caramiñal. 116, 4 quilómetros de percorrido que pasarán por Ribeira, Porto do Son, Portosín, Noia, Lousame, Ponte Beluso, Boiro, Ponte Goiáns e que rematan no mirador da Curota.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.