Os socialistas de Monterroso censuran a incompetencia do Goberno Municial de Rocío Seijas ao pechar a vivenda comunitaria

“Hoxe caéuselles a máscara ao Goberno Local e detrás deste peche perdemos un servizo esencial para a nosa e vila e para a Comarca, e destruímos postos de traballo que o concello tivo que indemnizar con máis de 30.000 euros. Unha actuación lamentable e incompetente”

——–

Dende o Grupo Socialista de Monterroso “seguiremos pelexando por mellorar a calidade asistencial das nosas veciñas e veciños, e sobre todo, como neste caso cando está en xogo o coidado dos nosos maiores, merecen unha xubilación digna”

Os Socialistas de Monterroso rexeitan enerxicamente o peche da vivenda comunitaria da vila. Así o dixeron, tralo anuncio público de que pecha definitivamente as súas portas, e as tres traballadoras que actualmente prestaban os seus servizos deixarán de acudir aos seus postos a partir deste martes ao ser despedidos polo Concello.
O Voceiro do PSdeG no Concello de Monterroso, Rafael García dixo que “agora quedan ao descuberto e ben patentes as verdadeiras intencións do equipo de goberno, xa que o único obxectivo da Alcaldesa e do seu equipo sempre foi o peche desta instalación e o despedimento das súas traballadoras”, tal e como queda constatado.
“Hoxe caéuselles a máscara ao Goberno Local e detrás deste peche perdemos un servizo esencial para a nosa e vila e para a Comarca, e destruímos postos de traballo que o concello tivo que indemnizar con máis de 30.000 euros. Unha actuación lamentable e incompetente”, replican.
Así as cousas, explican que este servizo da vivenda comunitaria, “está dirixido especialmente a persoas cun certo grado de independencia. Este sistema de aloxamento persegue potenciar a autonomía e privacidade das persoas usuarias garantíndolles ao mesmo tempo a seguridade e seguimento periódico da súa situación”.
Dende o PSdeG “levamos observando que co paso do tempo foise reducindo o número de usuarios desta vivenda, pero sen que dende o Concello fixeran absolutamente nada. Temos incluso informacións de que algunhas persoas se achegaron as dependencias municipais para solicitar praza neste centro, a resposta foi que non se aceptaban novas altas”.
Moción socialista en febreiro
Ademais, dende o Grupo Socialista de Monterroso lembran que “o pasado mes de febreiro defendemos unha moción relativa a conversión da vivenda comunitaria en fogar residencial, pero lamentablemente esta proposta foi rexeitada polo equipo de goberno de IXM xunto co PP”, critican.
Os Socialistas de Monterroso entendemos que “este centro asistencial tiña que ter un enfoque distinto para garantir a viabilidade desta instalación en tódolos aspectos, e que o futuro desta instalación pasa por transformala nun Fogar Residencial, que a diferencia das vivendas comunitarias son centros asistenciais pensados en cubrir necesidades especiais das persoas maiores que padecen algún tipo de dependencia”, explican .
Sobre as afirmacións por parte da Alcaldía nas que sinalan que o centro quedaba sen usuarios e que tiña que pecharse, e que ademais o edificio necesitaba unha serie de reformas cun investimento de 300.000 euros. “Queremos advertir que non é verdade que a instalación tivera que pecharse, xa que a principal problemática é o de solventar as humidades da fachada principal podería arranxarse coa colocación dunha fachada ventilada, así como a impermeabilización da cuberta, unhas melloras que para nada impedirían o normal funcionamento deste servicio”, remarcan.
Exposición crítica e descualificadora da Vivenda Comunitaria
Nesa liña, dende o PSdeG denuncian a incompetencia do Goberno de Monterroso neste asunto. “O único que fixeron ata o de agora foi concentrar tódolos esforzos en facer unha exposición crítica e descualificadora da Vivenda Comunitaria, sen preocuparse en solventar as deficiencias que presentaba o edificio e sen preocuparse tamén en buscarlle o encaixe máis idóneo para garantir a viabilidade deste servizo ao longo do tempo”, insisten.
E proseguen coas súas criticas “levan preto de dous anos ao fronte do goberno local sen facer absolutamente nada por este servizo, tendo que asistir con amargura e decepción ao goteo permanente da baixas dos usuarios e usuarias desta vivenda, e tendo que desvialos a outros centros asistenciais próximos a Monterroso sen que vostedes fagan nada para evitalo”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.