Os socialistas de Portomarín lamentan “a falla de interese de Xunta e Concello ante o deficiente estado dos servizos de prevención e extinción de incendios”

“É unha mágoa que tódolos políticos que acudiron ao operativo de simulacro do día 24 de maio veñan a figurar, e non a coñecer as necesidades do Concello de Portomarín en materia de prevención e extinción de incendios”

Os socialistas de Portomarín lamentan a falla de interese da Xunta de Galicia e do Concello de Portomarín ante o deficiente estado dos servizos de prevención e extinción de incendios no Concello de Portomarín. E lembran os recortes sufridos desde o ano 2020, “cando a Xunta de Galicia eliminou os dous helicópteros e as dúas brigadas helitransportadas, ubicadas na Base de Helicópteros de Portomarín”.

Os socialistas explican que o pasado 24 de maio a Xunta de Galicia realizou un simulacro con base na parroquia de Cortapezas, na que participou o Delegado da Xunta, xunto con varios xefes territoriais da Xunta, así como membros do goberno local de Portomarín. Din que “foi unha magoa que todos estes representantes da Xunta de Galicia e do PP non se achegaran a visitar a Base de Helicópteros para coñecer as instalacións e comprometer o restablecemento da situación anterior a 2020”.

Nesa liña tamén lamentan “que non se achegaran a coñecer as condicións nas que se atopa o vehículo motobomba do Concello de Portomarín, que leva máis de dous anos parado, e o Concello de Portomarín non foi capaz de arranxalo ou tramitar ante a Xunta de Galicia a incorporación dun novo”.

Ademáis, aproveitando esta visita a Portomarín, “puideron visitar os depósitos de auga do Concello, que están completamente abandonados, e sen ningún tipo de mantemento; unha situación realmente perigosa xa que nos encamiñamos a época de máximo risco de incendios”.

Hai que lembrar, que hai un ano o PSdeG de Portomarín xa presentou varias iniciativas co fin de instar á Xunta de Galicia para que dotara á Base de Helicópteros de Portomarín dos dous helicópteros e das dúas brigadas helitransportadas, que viñan contando cun total de 25 efectivos  na nosa vila. Entre estes membros das brigadas, como todos sabemos, formaban parte veciños do noso concello. Igualmente, solicitouse que se tramitara ante a Xunta de Galicia a provisión dun novo camión motobomba para a extinción de incendios. “Estas iniciativas foron rexeitadas polo goberno municipal do PP do Concello de Portomarín, esta é a súa campaña de prevención, rexeitar novas dotacións”, din.

Por iso avanzan que dende o PSdeG de Portomarín “voltaremos a solicitar no próximo pleno que se melloren as dotacións da Base de Helicópteros. E ao mesmo tempo que se solicite a Xunta un novo camión motobomba, e que se proceda a realizar a labores de acondicionamento e mantemento de tódolos depósitos de auga do Concello, para que estea en condicións óptimas para os meses de verán, nos que o risco de incendios aumenta considerablemente”.

“É unha mágoa que tódolos políticos que acudiron ao operativo de simulacro do día 24 de maio veñan a figurar, e non a coñecer as necesidades do Concello de Portomarín en materia de prevención e extinción de incendios, ámbito no que estiveron aplicando importantes recortes nos últimos anos, coa complicidade do goberno municipal, que non abriu a boca para reclamar e protestar por eses recortes”, replican dende o PSdeG.

“A veciñanza de Portomarín e toda a Comarca precisan persoal e efectivos cualificados, material homologados, transporte axeitado para poder actuar na prevención de incendios e salvamento e non propaganda política e postureo, como adoita facer o PP na nosa provincia”, denuncian.

Por último dende o PSdeG remarcan que defenderon diversas iniciativas, no Pleno Municipal, co fin de incrementar as dotacións para a prevención dos incendios na vila. “Pero lamentablemente unha vez máis atopamos coa negativa do PP, que votou en contra dos intereses do Concello”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.