Rego reclama ao Goberno do Estado o indulto para María Salmerón

Rexistra iniciativas para exixir ao executivo esgotar todas as vías posíbeis e lograr un novo indulto para esta muller, vítima da violencia de xénero, que antepuxo a protección da súa filla á súa propia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas na cámara baixa para que o Goberno do Estado indulte á vítima de violencia de xénero, María Salmerón, condenada por antepoñer a seguridade da súa filla aos seus propios intereses. Demanda a actuación por parte do que se autodenomina «Goberno máis progresista» á maior brevidade, pois prevese que o vindeiro mércores, 18 de maio, a xuíza do caso notifique xa a entrada en prisión. Rego demanda ao executivo que rectifique a denegación do indulto ou, cando menos, a emisión desta resolución para que poda recorrerse e esgotar a vía administrativa, especialmente tendo en conta a urxencia que impoñen os prazos xudiciais.

María Salmerón, vítima de violencia de xénero e cuxo agresor non cumpriu nunca a pena a prisión á que foi condenado hai dúas décadas, tivo que tomar a decisión de exercer ela mesma a protección que o Estado non ofrecía á súa filla. Estas actuacións levaron a María a varios xuízos e condenas por desobediencia e, en todos eles, contou co indulto do Goberno do Estado- incluído o Goberno presidido por M. Rajoy- ao entender que estaba antepondo a seguridade da súa filla aos seus propios intereses, á súa liberdade.

O pasado 26 de abril, María Salmerón presentou ante o executivo a solicitude do indulto da súa última condena mais desta volta, o que se considera «Goberno progresista» rexeitou a solicitude «a pesar das case 70.000 sinaturas que apoiaban a petición e a presión do movemento feminista». Segundo a información obtida até o momento, este asunto non chegou nin tan sequera a debaterse porque foi incluída no grupo de temas sobre os que había consenso no seo do executivo estatal.

«Este feito é de fonda gravidade se o sumamos a que o vindeiro 18 de maio María foi citada pola xuíza que a condenou, previsibelmente para notificarlle a data de ingreso en prisión. Este é un asunto que debería considerarse de interese xeral» reivindica o deputado do BNG. Rego entende que, tendo en conta que as condicións en que María Salmerón foi indultada nas últimas ocasións non difire das actuais, o Goberno debería de actuar e estudar todas as posibilidades existentes «para evitar o ingreso en prisión dunha vítima que, no contexto lexislativo actual nunca sería condenada dado que a súa filla recibiría protección por parte dos organismos do Estado».

En opinión do deputado do BNG, o Goberno non se está dando conta de que, ademais de non ter concedido o indulto, está provocándolle un prexuízo á interesada ao atrasar a emisión da resolución de denegación do indulto. «Isto impide a María recorrer a resolución e esgotar así a vía administrativa, especialmente tendo en conta a urxencia que impoñen os prazos xudiciais» reclama Rego.

Alén do máis, a organización nacionalista non entende a denegación do indulto e demanda ao Goberno que esgote todas as posibilidades existentes para evitar o ingreso en prisión dunha vítima da violencia machista que, no contexto lexislativo actual, nunca sería condenada dado que a súa filla recibiría protección por parte dos organismos do Estado.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.