Regresa con forza a Semana do Libro e a Lectura de Carballo

A exposición dos traballos realizados polo alumnado dos distintos centros de infantil e primaria continúa aberta durante toda esta semana

A Semana do Libro e a Lectura regresou con moita forza e máis creatividade. “Carballo é…” amosounos os distintos xeitos de ver o noso concello (e a súa contorna) a través dos ollos da rapazada, e aínda nolo amosa, porque a exposición continúa aberta durante toda esta semana no primeiro andar da Biblioteca Municipal Rego da Balsa. Se aínda non a visitaches, aproveita esta “prórroga” para descubrir os traballos sobre mar, deporte, natureza, cultura e unha chea de cousas máis que prepararon para a ocasión os nenos e nenas dos centros escolares do noso concello.

Pero a Semana do Libro e a Lectura é moito máis. Dentro deste programa conxunto da Concellaría de Cultura e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), patrocinado pola Fundación Luis Calvo Sanz, desenvolvéronse, entre o luns 25 e o venres 29, un total de 13 actuacións e obradoiros. Polos coles pasaron Cé Orquestra Pantasma, María da Pontragha, o mago David Méndez, Xarope Tulú, Teatro Ghazafelhos, Félix Rodríguez e Fran Rei… E nas Tardes de contos, música e maxia que organizamos na biblioteca para os nenos e nenas de 3 a 8 anos, o auditorio encheuse todos os días.

Nas actividades da XV Semana do Libro e a Lectura participaron 1.634 escolares, aos que se suman os grupos organizados de distintos coles que se achegaron ata a Biblioteca Rego da Balsa para ver a exposición e o público que acudiu pola súa conta polas tardes. Un balance máis que satisfactorio que reforza o compromiso do Concello de Carballo co fomento da lectura tamén en idades temperás.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.