Rematado o mural dedicado a Agustín Fernández Paz en Vilalba

Vilalba conta cun novo mural artístico dedicado a Agustín Fernández Paz e elaborado polo artista Mon Devane, na avenida de Terra Chá. O concelleiro de Urbanismo, Luis Fernández; a concelleira de Cultura, Vanesa Siso, e a tenente de alcaldesa e concelleira de Comercio, Marta Rouco, visitaron o lugar tras a finalización do traballo

A peza artística homenaxea ao escritor vilalbés Agustín Fernández Paz, enxalzando a súa figura a través da arte urbana. Dende o Concello de Vilalba agradeceron ao artista Mon Devane a creación desta obra de gran calidade que expresa con realismo a figura de Fernández Paz, cuxo rostro aparece acompañado dos libros que simbolizan a súa traxectoria.

Non obstante, alén do propio mural terminado, todo o proceso de pintado foi un gran espectáculo en directo para a cidadanía de Vilalba. O mural tivo unha boa acollida entre os veciños e veciñas, que se achegaron tanto a seguir o proceso como a contemplar a peza artística final.

O novo mural, situado na avenida Terra Chá, súmanse aos catro que xa embelecen o casco urbano de Vilalba, na piscina municipal, de Iria Fafián; na rúa Carmiña Prieto Rouco, de Pablo Lage (Van-Kraft); na rúa do Cotarón, de Miguel Peralta (Cestola na Cachola); e na travesía dos Castros, de Lula Goce. Ademais, estes murais repercuten no obxectivo do goberno local de humanizar a vila mediante a arte urbana.

O Concello de Vilalba impulsa así un novo recoñecemento a Agustín Fernández Paz, que se suma a outros como o premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil, impulsado polo IESCHA e Edicións Xerais. Con esta homenaxe, o Concello busca reivindicar a traxectoria deste símbolo literario, que supón un orgullo para a vila de Vilalba.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.