Rubén Fernández e Martín Rey, novos campións de Galicia Elite e Sub23 de fondo en estrada

A intensa fin de semana de ciclismo Elite-Sub23 nas estradas da provincia da Coruña concluíu este domingo coa disputa Campionato de Galicia-Volta á Comarca Brigantina. O estadounidense Cole Davis (Vigo-Rías Baixas) impúxose na 26ª edición da proba organizada polo Club Ciclista Betanzos, unha carreira de 146 quilómetros na que o elite Rubén Fernández (Retelec) e o sub23 Martín Rey (Vigo-Rías Baixas) fixéronse coas camisolas autonómicas de fondo en estrada.

O esixente inicio co encadeamento dos altos de Taboada e San Cosme propiciou, tras varios intentos sen éxito, que se formase unha fuga con cinco ciclistas de moito nivel. Ese quinteto compúxoo a dupla do Brocar- ALÉ, Álvaro Sagrado e Josep Tomas, xunto con Marcel Camprubí (Eolo- Kometa), Vicente Hernaiz (Vigo-Rías Baixas) e Eric Fagúndez (Aluminios Cortizo), o triunfador o día anterior na Clásica de Pascua-Ruta Xacobea de Padrón, pasando pola cima de San Cosme cunha diferenza ao seu favor superior aos dous minutos sobre o grupo principal.

Superado o ecuador da xornada, o pelotón aceleraba e reducía considerablemente a diferenza grazas ao labor do Previley-Maglia-Coforma-Bembibre e o Supermercados Froiz, dando finalmente alcance aos escapados restando algo menos de 30 quilómetros para a liña de chegada. Nese momento os que se lanzaban ao ataque eran Ferrán Robert (Valverde-Ricardo Fuentes) e, de novo, Álvaro Sagrado (Brocar-ALÉ), que conseguían entrar nos últimos 20 quilómetros con 40″, pero que pouco despois ían protagonizar un dos momentos do día.

A parella de punta entraba confundida nun cruzamento, debido a unha mala sinalización, e isto provocaba que se tivese que parar a proba. Minutos despois a competición reiniciouse, manténdose a situación. Sagrado e Robert alcanzaban as saias da última cota do día, o alto de Villozas, máis coñecido na zona como o Galibier, onde desde o paquete de galos saltaban con forza Cole Davis, José María Martín (Valverde-Ricardo Fuentes) e Andrea Pietrobon (Eolo- Kometa), dando alcance a Robert, mentres que Sagrado pagaba tanto esforzo e quedaba descolgado.

No tramo máis duro do ascenso o que atacaba era Pietrobon, pasando en primeiro lugar pola pancarta de montaña para lanzarse a polo triunfo en Betanzos. O italiano vía como era alcanzado polo trío conformado por Davis, Martín e Robert a 3 quilómetros da chegada, e entre eles disputaríanse a gloria nos últimos metros, levándose o gato á auga o americano Cole Davis, por diante de José María Martín e do italiano Andrea Pietrobon, que completaban o podio.

Títulos autonómicos

O pelotón chegou a medio minuto de gañador coa incógnita de quen conquistaría os títulos autonómicos en xogo. Rubén Fernández (Retelec) clasificouse undécimo e foi o primeiro elite galego que cruzou a liña de meta. O porriñés estivo escoltado no podio da súa categoría por dous ciclistas do Lasal Cocinas-Louriña: Gustavo Rodríguez e Iago Medín, que recibiron as medallas de prata e de bronce, respectivamente.

Xusto a continuación de Rubén Fernández, no posto duodécimo, rematou Martín Rey, novo campión de Galicia sub23. O vilagarcián tivo como acompañantes no caixón a Sergio Lorenzo (Laborak Kutxa), segundo, e a Raúl Casalderrey (Supermercados Froiz), terceiro.

Ao podio da Volta á Comarca Brigantina tamén subiron Eric Fagúndez, vencedor das Metas Volantes; Josep Tomas, primeiro nos Sprints Especiais; Vicente Hernaiz, gañador da Montaña; e o Valverde-Ricardo Fuentes como mellor equipo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.