Samuel Diz e Faia Díaz realizarán un concerto de músicas inéditas este sábado na Casa-Museo de Manuel María

Interpretarán partituras orixinais do compositor, guitarrista e pintor lucense Tino Prados que inclúen uns poemas musicados de Uxío Novoneyra e de Manuel María

Samuel Diz e Faia Díaz regresan á Casa-Museo Manuel María este sábado, 28 de maio, ás 20h, para presentar en concerto o que hai meses interpretaron neste mesmo espazo museístico para gravar o proxecto audiovisual Músicas inéditas en Casas literarias. Con este traballo recuperan unha escolma de partituras orixinais do compositor, guitarrista e pintor lucense Tino Prados (1924-1981), en que se inclúen os poemas musicados O camiño do monte de Uxío Novoneyra e Soio na noite de Manuel María.

Músicas inéditas en casas literarias é un proxecto de investigación, interpretación e divulgación do patrimonio musical galego para guitarra, inédito ou pouco coñecido, gravado coa copia facsimilar da guitarra orixinal de Federico García Lorca, e producido por Poliédrica e Samuel Diz.

Tino Prados (Lugo, 1924 – 1981)

Tino Prados naceu en Lugo en 1924. Estudou na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando, foi membro fundador do grupo artístico lucense «Los Urogallos» e profesor de debuxo no Círculo de las Artes de Lugo. A nivel musical, foi integrante do «Rocho musical», formación en que están as orixes da Sociedade Filarmónica de Lugo, e un importante dinamizador coa creación de numerosas agrupacións musicais na cidade, entre as que se encontraba a orquestra de guitarras do Círculo das Artes.

Tras o seu falecemento en 1981, a Agrupación Guitarrística Galega publicou unha monografía que incluíu a edición facsimilar da mazurca «Sarita», interpretada nesta produción xunto a outras partituras para guitarra como o valse crioulo «O carreteiro» ou a danza moura «Zoraida».

Por mediación dos familiares de Tino Prados, Samuel Diz accedeu ao arquivo persoal do músico lucense, documentos entre os que atopan os orixinais de numerosos poemas musicados, como «O camiño do monte» de Uxío Novoneyra e «Soio na noite» de Manuel María, interpretados coa colaboración da cantante Faia Díaz.

Manuel María, escritor cuxa Casa-Museo acolle este proxecto de recuperación da memoria musical galega, lembraba que “a música era a grande e fonda paixón de Tino Prados. Foi o gran animador da vida musical luguesa e mestre de varias xeracións. […] Compuxera pezas prá guitarra, da que era un virtuoso”.

Soio na noite, poema de Manuel María e música de Tino Prados


No ano 1959 o guitarrista e compositor lucense Tino Prados (1924-1981) musicou o poema Soio na noite de Manuel María (1929-2004). A súa estrea tivo lugar en 1961 no Círculo das Artes de Lugo. Seis décadas despois, a partitura inédita, conservada no arquivo familiar de Tino Prados, volve soar nesta gravación realizada na casa do poeta en Outeiro de Rei.

O camiño do monte, poema de Uxío Novoneyra e música de Tino Prados


No ano 1959 o guitarrista e compositor lucense Tino Prados (1924-1981) escribiu esta partitura a partir do poema O camiño do monte de Uxío Novoneyra (1930-1999) publicado en Os eidos (Galaxia, 1955). Tras a estrea da composición en 1961 polo tenor «Angelillo» e a orquestra de pulso e púa do Círculo das Artes de Lugo, a partitura permaneceu inédita até este momento no arquivo familiar de Tino Prados.

Zoraida (danza moura), composición musical de Tino Prados


A danza moura Zoraida é a partitura máis difundida do guitarrista e compositor Tino Prados. Composta en 1958 e estreada ao ano seguinte por el mesmo en Lugo, a obra foi editada polo Círculo das Artes en 1972 e o guitarrista Miguel Anxo Murado incluíuna nun concerto en Madrid.

Sarita (mazurca), composición musical de Tino Prados


En maio de 1977 o guitarrista e compositor Tino Prados compuxo Sarita, unha mazurca para guitarra dedicada ao seu alumno Xosé Mª Hinjo López. En 1982, a Agrupación Guitarrística Galega publicou a monografía-homenaxe Tino Prados tras o seu falecemento, que incluíu a edición facsimilar do manuscrito da partitura. Samuel Diz realizou a primeira gravación da obra no disco Guitarra clásica galega (Ouvirmos 2012).

O carreteiro (vals crioulo), composición musical de Tino Prados


Primeira gravación deste valse crioulo para guitarra de Tino Prados, que se conserva unha copia manuscrita no arquivo persoal do guitarrista Xosé Mª Hinojo López, datada en Lugo en abril de 1978.

Para asistir ao concerto, é necesario facer reserva (billete: 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou whatsapp 698177621

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.