Sanxenxo para principiantes. Por @DulceCorcu

Coa visita do rei emérito ás nosas latitudes, concretamente a Sanxenxo, vimos de comprobar novamente o que molesta a toponimia oficial non xa fóra de Galicia, senón incluso a tantos galegos e galegas, que se negan a pronunciar un nome que en moitos casos non dan máis que tatexado cando se poñen. A falta de práctica, pois é o que ten.

Xornalistas, tertulianos e outros con ínfulas aristocráticas como Josemi Rodríguez Sieiro, mesmo criticaron que Casa Real no seu comunicado para advertir da real visita, si empregase o topónimo legal. Ofendidos porque para eles, seres que levitan por enriba de línguas periféricas, é algo impropio do seu rango. Ridículos aparte, o que chama a atención segue a ser que Sanxenxo provoque tanta carraxe, porque nesta visita de obscena cobertura mediática, a vila pontevedresa foi obxecto de todo tipo de ataques debido á súa nomenclatura. Capítulo aparte merecen os que consideran que é un mal chiste, algo impronunciable feito adrede para deixar en evidencia esas boquiñas de piñón que sen embargo din con toda naturalidade «crossfit» ou «outfit» e por suposto Shakira, cada vez que a ocasión o require. O banal argumento de «se non dicimos London, porque hai que dicir Sanxenxo». A tales horas temos que seguir explicando que o galego é unha língua oficial recoñecida na Constitución Española, mentres que o inglés, non. Por iso dicimos «Londres», porque traducimos dunha língua esóxena. Sanxenxo reza así para todo o Estado porque o galego é unha das lìnguas oficias que se falan en España. Non é tan difîcil. Pero hai que querer entendelo e desprenderse dos prexuizos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.