Somos Sanxenxo reivindica a necesidade de “tomarse en serio a seguridade nos areais do concello”

Campaña tras campaña electoral oímos a distintos grupos políticos falar da desestacionalización e calidade do turismo de Sanxenxo. O certo é que falar fálase dunha cousa pero facer faise outra moi distinta. Para desestacionalizar o sector e mellorar a calidade hai que comezar por ofrecer os servizos durante un período de tempo maior, e ser previsor.
Certo é que os accidentes, ás veces, non se poden evitar, pero nós cremos que si se poden ofrecer medidas de protección e prevención que faga do noso concello un lugar máis seguro.
Estes últimos anos somos testigos dun incremento en recortes na seguridade nos nosos areais, pois a seguridade pasa a estar suxeita aos medios dispoñibles e relégase a un segundo plano como un termo rodeado de cinismo e dependente da vontade do político de turno; cando debera ser unha prioridade.
Non entendemos como é posible que a colocación de boias sinalizando a zona de baño e canal de arribo de emerxencia non se fai ata ben entrado o mes de maio, cando os quioscos comezan a prestar os seus servizos o 1 de maio; nin tampouco entendemos que non contemos co servizo de socorrismo ata o 15 de xuño en Montalvo, Canelas, Silgar e Areas, o resto de areais a partir do 1 de xullo. Todos estos servizos son externos, é dicir, sacados en concurso mediante pregos de condicións, como é posible que non se inclúa a pre-temporada de Semana Santa, polo menos, para aquelas praias máis concurridas ?
Un concello que vive, na súa maior parte, do turismo e segundas residencias, ten que ser un concello consciente das necesidades e esixencias que iso conleva; e, quen o goberne, debe ter en conta non só o momento presente, as bandeiras azuis, e outros distintivos de cara a galería senon facer que Sanxenxo sexa un destino apetecible e con servizos públicos de calidade sen esquecerse das necesidades dos veciños e veciñas que vivimos e tributamos aquí todo o ano.