Treixadura percorrerá Galicia na súa xira ‘Camiño Longo’

A xira comezará o 21 de maio no Teatro Afundación de Vigo. O grupo pechou xa preto de 15 concertos, mais nas vindeiras semanas confirmará novas actuacións

Aínda non está á venda Camiño Longo, o novo traballo de Treixadura, e o grupo xa ten unha xira pechada por toda Galicia. En total e polo momento, preto de 15 concertos nas 4 provincias galegas.

Pero haberá máis, segundo os integrantes de Treixadura “nas vindeiras semanas anunciaremos novas datas, esta será unha das xiras con máis concertos da nosa historia. A pandemia detivo as nosas actuacións e son moitas as citas que temos pendentes en festas, romarías e teatros. O noso Camiño Longo chegará a todos os recunchos de Galicia”.

A xira comezará o vindeiro 21 de maio no Teatro Afundación de Vigo no que será a presentación ao seu público de Camiño Longo, o libro disco que celebra os 30 anos de Treixadura, un percorrido artístico, visual e histórico da dilatada carreira musical de Treixadura, un dos grupos referentes da música galega que recolle a tradición e pon en valor a súa riqueza cultural.

Listaxe de concertos de Treixadura no 2022

21/05/22. Vigo. (Teatro Afundación). Presentación Disco/Libro «Camiño Longo».

03/06/22. Crecente (Po). Festas do Cristo.

24/06/22. A Estrada. Festas Patronais de San Paio.

25/06/22. Narón. Pista Polideportiva de San Xiao.

16/07/22. Meaño (Coa Banda Unión Musical De Meaño). Festa Do Viño De Autor.

25/07/22. O Rosal. (Coa Banda Agrupación Musical Do Rosal).

29/07/22. Moaña. Festival Intercéltico do Morrazo.

30/07/22. A Estrada (Berres). Festas Patronais

04/08/22. Vilalba

13/08/22. Vilanova De Arousa

15/08/22. Cuntis. Festas Patronais.

21/08/22. Betanzos. Festas Patronais.

22/09/22. O Porriño. Festas Do Cristo.

Sobre Treixadura

Treixadura ofrece desde 1990 un espectáculo musical sorprendente a través de dúas concepcións ben arraigadas na tradición galega: o canto e a gaita. O resultado é unha proposta artística que recupera a música tradicional e, á súa vez, representa unha achega á cultura a través das súas composicións e a recuperación de pezas e cancións populares.

Fieis ao compromiso co seu público, tentando elevar a música tradicional ao máximo nivel, Treixadura foi modelando o seu camiño transformando o estilo, sen renunciar ao seu son característico. Ao longo da súa traxectoria son moitas as melodías que rescataron do anonimato e outras tantas creadas para que a cadea de transmisión da música tradicional continúe viva. Un xeito de facer cunha personalidade moi característica, de fíar a raíz musical da nosa cultura co xeito de entender hoxe a música tradicional.

Máis de 30 anos de gravacións e concertos, 8 discos no mercado, unha variada gama de colaboracións discográficas e vida en común, compartindo co público o poder e a forza evocadora, máxica e reconfortante do canto colectivo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.