Treixadura presenta en Vigo ‘Camiño Longo’, o primeiro concerto da súa nova xira

Será o 21 de maio no Teatro Afundación de Vigo ás 21:00 horas
Este sábado 21 de maio Treixadura presentará no Teatro Afundación de Vigo o seu novo traballo Camiño longo, o libro disco que percorre os 30 anos de vida e carreira musical do grupo referente da música tradicional galega. Neste concerto Treixadura contará coa presenza en directo do Coro Cantigas e Agarimos.
Despois de mais de 2 anos sen concertos por mor da pandemia, Treixadura comeza en Vigo a súa nova xira que percorrerá toda Galicia neste 2022. “Estamos impacientes por volver aos escenarios e gozar dos concertos, foi moito tempo sen poder compartir co noso público as nosas cancións, os nosos directos… Para nós Vigo é especial, gravamos aquí o noso disco en directo e tamén presentamos Inda canto, o noso anterior traballo”.
CONCERTO TREIXADURA EN VIGO
Teatro Afundación Vigo – Sábado 21 de maio, 21:00 horas
Camiño longo, 30 anos de Treixadura
O concerto de Vigo será a primeira ocasión na que o seu público poderá coñecer Camiño longo, o libro disco que fai un percorrido artístico, visual e histórico da dilatada carreira musical de Treixadura, un dos grupos referentes da música galega que recolle a tradición e pon en valor a súa riqueza cultural. Está conformado por 17 temas e máis de 100 páxinas da historia do grupo nas que poderemos atopar fotos inéditas, momentos das súas gravacións, imaxes de concertos e moito máis da vida de Treixadura.
Será unha biografía musical que repasa os trinta anos de existencia do grupo e no que Treixadura recupera as melodías dos seus inicios para descubrir como lles acae a madurez e a experiencia aos temas máis emblemáticos. E para iso, contan coas colaboracións doutros referentes da música galega: o Coro da Agrupación Folklórica Cantigas e Agarimos; o músico Rodrigo Romaní e a Banda Municipal de Música da Coruña.
Este novo traballo será o oitavo disco de Treixadura, un grupo recoñecido pola súa recuperación do patrimonio cultural galego e cun reto definido: achegar a música tradicional a un maior público, difundindo composicións propias e antigas que respectan a tradición. Fieis ao compromiso co público, rescataron algunhas melodías aínda agochadas no substrato da cultura popular e crearon outras tantas para que a cadea de transmisión da música tradicional continuase viva. Buscaban pór en valor a música tradicional galega e aderezala cun son característico propio.
Sobre Treixadura
Treixadura ofrece desde 1990 un espectáculo musical sorprendente a través de dúas concepcións ben arraigadas na tradición galega: o canto e a gaita. O resultado é unha proposta artística que recupera a música tradicional e, á súa vez, representa unha achega á cultura a través das súas composicións e a recuperación de pezas e cancións populares.
Fieis ao compromiso co seu público, tentando elevar a música tradicional ao máximo nivel, Treixadura foi modelando o seu camiño transformando o estilo, sen renunciar ao seu son característico. Ao longo da súa traxectoria son moitas as melodías que rescataron do anonimato e outras tantas creadas para que a cadea de transmisión da música tradicional continúe viva. Un xeito de facer cunha personalidade moi característica, de fíar a raíz musical da nosa cultura co xeito de entender hoxe a música tradicional.
Máis de 30 anos de gravacións e concertos, 8 discos no mercado, unha variada gama de colaboracións discográficas e vida en común, compartindo co público o poder e a forza evocadora, máxica e reconfortante do canto colectivo.