UGT-Galicia reivindica o insubstituíble papel da lingua galega como vehículo de comunicación, parte do patrimonio e medio básico de expresión cultural

Un ano máis, o 17 de Maio celebramos o Día das letras galegas, dedicado nesta edición ó poeta, articulista, editor literario e fío condutor coa Galicia exiliada en México, Florencio Delgado Gurriarán, (Vilamartín de Valdeorras, 1903- California, 1987). Nesta data, pero todos os días do ano, dende UGT-Galicia reafirmámonos no insubstituíble papel da lingua galega para todos e todas, para a nosa sociedade, como vehículo de comunicación na súa acepción máis directa pero tamén como parte do noso patrimonio e medio básico de expresión cultural.

Así, UGT-Galicia reivindica neste 17 de Maio como propio o compromiso activo de persoas como Florencio Delgado co idioma galego porque é parte do patrimonio inmaterial do pobo galego e é o noso deber coidalo, difundilo, protexelo e mantelo como unha lingua viva en todos os ámbitos e actividades da sociedade.

Para iso, o Sindicato considera que hai que comezar o traballo dende os máis pequenos, no eido educativo, porque son eles a clave do futuro da lingua galega. Neste senso, insta á Xunta a que se implique na promoción do galego e que sexa esta unha prioridade a nivel de toda a sociedade pero, especialmente, no ámbito educativo, equiparando o galego coa outra lingua oficial de Galicia.

UGT rexeita o uso de calquera lingua como arma arroxadiza e de loitas de poder. As linguas de cada un dos territorios, como as súas culturas, son tesouros, patrimonio que temos entre todos e todas a obriga de coidar e manter vivas e dentro dun contexto de convivencia sa entre todas as expresións lingüísticas do país.

Por todo isto, UGT-Galicia insta a toda a cidadanía a exercer libremente os seus dereitos lingüísticos e a esixirlle ás administracións o cumprimento das obrigas que en materia lingüística consagran o Estatuto e a Constitución.

Nesta data, na que se trata de reivindicar a memoria, a cultura e a lingua do pobo, precisamente, lémbrase a figura do homenaxeado, marcada pola súa labor literaria e activismo político e cultural que constituíron un dos capítulos máis destacados das letras galegas na emigración. Florencio Delgado foi un excelente poeta, cultivador dun galego característico das terras de Valdeorras e coa súa elección tamén se está a homenaxear á Galicia do exilio republicano en México. Porque neste país, Delgado Gurriarán e outros intelectuais desenvolveron importantes iniciativas que mantiveron viva a chama da identidade galega e son, polo tanto, un referente obrigado da historia da nosa lingua a cultura.

Florencio Delgado foi un extraordinario activista cultural, promotor de iniciativas como o Padroado da Cultura en México, as revistas “Vieiros” e “Saudade”, a audición radiofónica Hora de Galicia, en antena todos os domingos durante case dúas décadas, e doutras publicacións de carácter político e cultural. Labor cultural e política que xa cultivaba en Galicia antes do seu obrigado exilio por mor da Guerra Civil a través do seu vínculo coas Irmandades da Fala, co Partido Galeguista ou co Partido Nacionalista Republicano de Ourense.

Finalmente, nesta data, pero os 365 días do ano, UGT-Galicia insiste en destacar o valor da lingua galega e da cultura como elementos de cohesión social e de transmisión de valores democráticos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.