Vilalba Aberta. «O servizo de recollida de lixo leva 20 meses fora de contrato»

 Vilalba Aberta volve saír ao paso do retraso no proceso de renovación do contrato de limpeza viaria e recollida domiciliaria de lixo. Un servizo público “fundamental para a veciñanza de vila e parroquias” do que, dende o ano 2000 é beneficiaria a empresa URBASER e que, tal e como denunciou hoxe o voceiro municipal da formación, Modesto Renda, “suma 20 meses fóra de contrato”.

Renda, que xunto á vicevoceira municipal de Vilalba Aberta, Mª Xosé Fernández, foi o único voceiro municipal que na presente lexislatura se reuniu co conxunto dos traballadores/as; foi especialmente crítico co que cualificou de “abraiante inacción” do equipo de goberno do PSOE local. “O 25 de Setembro de 2020 Vilalba Aberta denunciou por primeira vez o retraso da licitación e dende o 28 do mesmo mes, nada se sabe do proceso de renovación dun contrato, que non contempla prórroga e que calquera goberno responsable e previsor tería xa hai meses listo en tempo e forma”, explicou.

Na mesma liña, e ao tempo que lamentou a “caos administrativo” e a “total desorganización interna” dun executivo municipal que “sempre chega tarde”, o voceiro de Vilalba Aberta volveu alertar dos tres anos de parálise municipal, tamén, en relación coa necesaria aprobación duns Orzamentos Municipais que definiu de “inaprazables”, en tanto que “dos mesmos depende a propia renovación do servizo”.

SITUACIÓN DE “ALEGALIDADE”

Dende a formación municipalista fan fincapé na situación de “alegalidade” na prestación do servizo en vigor pola aplicación da doutrina “da vía de feito”, sen prórroga nin licitación.  Unha realidade, que no pasado levou ao PSOE de Vilalba a denunciar ao anterior goberno do PP e que para Renda representa unha situación de excepcionalidade “intolerable” dende o punto de vista da veciñanza que votou cambio.

Así mesmo, dende o Grupo Municipal de Vilalba Aberta requirirán a comparecencia en Pleno do concelleiro delegado en materia de servizos, Eduardo Vidal, co fin de que o goberno dea conta diante da veciñanza, en base á insostibilidade da situación.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.