Voadora despídese dos escenarios co seu novo espectáculo ‘Hoax Hamlet’

Cunha performance ao vivo de despedida, o seu ‘Hoax Hamlet’ foi unha fermosa fábula de adeus e agradecemento ao apoio de todas as compañeiras, colaboradoras e cómplices diante e detrás dos escenarios que acompañaron á formación durante estes 15 marabillosos e incansables anos de andaina escénica

A compañía de teatro de vangarda Voadora despediuse dos escenarios dun modo especial, fiel a súa máis pura esencia, facendo o que mellor sabe facer: un teatro plástico, visual, rigoroso, reflexivo e desbordante, que bebe de diferentes disciplinas artísticas para ofrecer ao público unha experiencia escénica arrebatadora que non deixa indiferente. Así foi a estrea do seu derradeiro espectáculo, Hoax Hamlet, no que Voadora representou cunha performance en vivo o final dos seus 15 anos de traxectoria.

A creación puxo sobre as táboas a todas e todos as e os integrantes da compañía nun emotivo adeus artístico, unha despedida en directo que supuxo a súa carta de amor e agradecemento por toda a escena vivida durante as súas máis de 20 producións, que non serían posibles sen o apoio de creadoras e creadores, artistas, técnicas e técnicos, programadoras e programadores, teatros, festivais, institucións, xornalistas e públicos que sempre foron cómplices imprescindibles.

En palabras de Voadora:

“HH é unha fábula.

HH é un monstro ao que lle gusta

mirar pola xanela cando o sol está a piques de se poñer.

Un monstro ao que lle gustan os xardíns,

porque os xardíns son cousas que crecen cando se coidan e se traballan.

HH é unha historia de amor.

HH é o fillo que apenas pode esperar saír pola porta

e que non pensa volver ata que se cumpran todos os seus soños.

HH é o noso fillo.

E aos fillos hai que saber cando lles tes que ensinar onde está a porta para que se poidan ir.

HH é teatro.

Pero tamén é outra cosa”.


Hugo Torres, director de Hoax Hamlet, asina tamén, xunto a Fernando Epelde e Diego Anido, a dramaturxia da obra. Sobre o texto de Fernando Epelde e a escenografía de Marta Pazos, Torres dirixiu unha montaxe coral na que participaron, como intérpretes, os propios Torres, Epelde e Anido; ademais do equipo ao completo da compañía: Marta Pazos (directora artística e escenógrafa), Montse Triola (distribuidora), Jose Díaz (actor e produtor), Pablo Chaves Maza (axudante de escenografía), Vicente Conde (contable), Iván Núñez Casal (iluminador) e David Rodríguez (son). Deste xeito, Hoax Hamlet pecha o círculo aberto hai quince anos co primeiro espectáculo da compañía, Periferia, na que as e os intérpretes eran os membros da compañía. A creación, ademais, contou coa música orixinal de Mariña Paz Otero, Tom Archi e Hugo Torres. A estrea de Hoax Hamlet desta noite tivo lugar no marco do Festival Escenas do Cambio, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. 

XIRA DE ‘OTHELLO’

O público aínda ten ocasión de ver en xira unha das últimas creacións de Voadora: Othello, dirixida por Marta Pazos, que nas próximas semanas visitará o 39º Heidelberg Stückemarkt Festival  en Alemaña (8 de maio), o Teatro Nacional São João de Porto (21 e 22 de maio), o Pazo da Cultura de Narón (28 de maio) e o Teatro Principal de Ourense (9 de xuño).

Othello é unha revisión trasgresora da obra de Shakespeare, celebrada por público e crítica desde a súa estrea absoluto en Madrid en maio de 2021. A adaptación do libreto, asinada polo dramaturgo ourensán Fernando Epelde, está atravesada pola posverdade e as violencias machistas. Tamén, tal e como é habitual nas propostas de Marta Pazos, a hibridación de linguaxes e a plástica teñen un protagonismo especial na escena.

O espectáculo, unha coprodución de Voadora coa MIT Ribadavia, o Teatro de La Abadía e o Teatro Nacional São João de Porto, quere poñer o foco nas personaxes femininas e atacar a crudeza do Othello desde a pulsión xerada por binomios como a verdade e a mentira ou o público e o íntimo. A actriz María Vázquez métese na pel de Desdémona, acompañada sobre as táboas polos intérpretes Pablo Chaves, Ana Esmith (Miss Beige), Chumo Mata, Hugo Torres e Diego Anido.

Foto portada: Miramemira

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.