Xornada de inclusión na Lonxa de Sada

O GALP Golfo Ártabro Sur e ACERGA organizan «Un mar de ilusións» para achegar o mar ao sector da inclusión

Un mar para todos contado a través de múltiples linguaxes. Esta podería ser unha das conclusións da xornada de diversidade funcional organizada esta mañá polo GALP Golfo Ártabro Sur e a Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (ACERGA) para achegarlle ás persoas con diversidade funcional o mundo do mar e fomentar o consumo de produtos da pesca artesanal dunha forma divertida e didáctica. Baixo o título “Un mar de ilusións – Coñecendo as nosas lonxas”, e tomando a lonxa de Sada como escenario principal, as dúas entidades convidaron a unha trintena de rapaces de Down Coruña, Aspanaes, Aspace e ASWG – Síndrome de Williams a vivir en primeira persoa como sería a xornada de traballo dun mariñeiro do cerco, a principal arte de pesca coa que se traballa no porto de Fontán, e a dun lonxeiro. Á actividade comezou coa benvida do presidente do GALP Golfo Ártabro Sur e secretario de ACERGA, Alberto Castro, e secretario do GALP Golfo Ártabro Sur José Garrote, trala cal os actores da compañía Alentía Teatro, en colaboración da Confraría de Sada, escenificaron como é a xornada de traballo dun mariñeiro, desde que sae faenar ata que volve a porto para vender as capturas da noite.

Desde un barco de cerco amarrado no peirao, foron subindo as caixas de peixe que, neste caso estaba cheas con bonecos con forma de sardiña e cangrexo, para pesalas e despois levar á rula e proceder á poxa. Os rapaces participaron activamente nesta venda ficticia mentres se lles explicou como era o proceso e cal era a función de cada un dos traballadores do mar. Ao final, cada un levou un de
recordo un dos bonecos.

A continuación tivo lugar un taller ambiental no que se explicaron as artes de pesca que se empregan para capturar as diferentes especies de peixes, como diferenciar as especies amosando as súas principais características, así como a importancia de non tirar lixo ao mar.

Inclusión

As actividades de difusión “Un mar de ilusións” promovidas polo GALP Golfo Ártabro Sur e dirixidas a colectivos con diversidade funcional xorden do compromiso da entidade por achegar o seu cometido a toda a poboación adaptando a súa mesma linguaxe. “Traballamos no ámbito da inclusión desde hai anos para poder difundir a beleza e a riqueza dos nosos mares, así como a importancia que teñen no día a día do noso territorio, tanto económica como culturalmente”, sinalouse dende o grupo.

Dende o 2020 ACERGA ven promovendo o consumo de peixe azul e o coñecemento do mundo mariño e da pesca do cerco entre os máis cativos a través da entrega de unidades didácticas, xogos e vídeos animados. Este ano coa finalizade de chegar tamén aos colectivos con diversidade funcional, ACERGA únese ao GALP Golfo Ártabro Sur como parte da súa iniciativa “O cerco, un xeito de vida”, unha medida enmarcada dentro do seu Plan de Produción e Comercialización 2022 cofinanciado pola Xunta de Galicia e o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).

Neste evento “Un mar de ilusións – Coñecendo as nosas lonxas” volveron colaborar ambas as dúas entidades, coincidindo este ano coa celebración do Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais (AIPAA) no que están moi implicadas a través dunha complexa axenda de actividades.

As entidades agradeceron a colaboración do Concello de Sada quen cedeu diverso material para a realización da actividade.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.