Xurxo Couto sobre o Reino de Galiza: “Estamos firmemente convencidos da necesidade de que todas as sociedades deben coñecer o seu pasado para poder recoñecerse no presente”

O deputado de Cultura presentou o primeiro congreso que se celebra na historia do país para abordar, desde o ámbito científico, o período medieval galego

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, acompañado polos comisarios Anselmo López Carreira e Xosé Lois Vázquez, presentou esta mañá o Congreso sobre o Reino Medieval de Galiza que impulsa a Deputación da Coruña. Un foro con carácter académico, pero orientado a todo tipo de públicos, do que Xurxo Couto asegurou estar “especialmente orgulloso”, entre outras cuestións por “ser o primeiro congreso deste tipo e sobre esta temática que se celebra na historia do noso país”.

O Congreso Internacional Reino Medieval de Galiza terá lugar no Museo do Pobo Galego do 19 ao 22 de setembro e as inscricións poderán realizarse a partires de mediados de xuño na web www.reinomedievaldegalicia.gal. Ofrecerase a posiblidade, ademais, de realizar a inscripción para cada unha das sesións. Está prevista a participación de 18 relatores e relatoras de diferentes perfís que abordarán cuestións relacionadas coa historia, a arte, a literatura, ou a organización administrativa do Reino medieval de Galiza e que proceden de diferentes institucións, entre as que destacan as universidades de Berkeley, Barcelona, Santiago de Compostela e Oviedo.

Xurxo Couto explicou que este congreso nace “porque estamos firmemente convencidos da necesidade de que todas as sociedades deben coñecer o seu pasado para poder recoñecerse no presente. E nós queremos contribuír, con humildade pero con determinación, a que a sociedade galega coñeza mellor o pasado do noso país e a historia social e política do que foi Galiza ao longo dos séculos”. O deputado provincial de Cultura indicou que o congreso “é un paso máis da liña de traballo que desde a Área de Cultura da Deputación da Coruña puxemos en marcha en relación á historia medieval do noso país e á divulgación social do Reino de Galicia”. Neste sentido, lembrou que hai dúas semanas se resolveu “a convocatoria exitosísima” de apoio económico a proxectos centrados nesta temática, unha convocatoria á que se presentaron un total de 127 proxectos.

Sobre o congreso, adiantou que se abordarán cuestións relativas “a un período absolutamente central para o noso país como é a época medieval, que é a época da lírica medieval galego-portuguesa; da construción da catedral de Santiago; a época dos reis e raíñas enterradas no Panteón Real Galego, a época de Xelmírez; e a do esplendor cultural e artístico da Gallaecia medieval”.

Pola súa banda, os dous comisarios, Xosé Lois Vázquez e Anselmo López Carreira, profundizaron na idea da necesidade de iniciativas que socialicen o período medieval galego entre a cidadanía, dándoo a coñecer con rigor académico e científico. O historiador Anselmo López Carreira asegurou que “non se trata tanto de facer unha contínua reivindicación da existencia do Reino senón simplemente de amosalo desde diferentes ópticas”. Mencionou que “chama a atención que o Reino de Galicia non se recuperara na historiografía como se recuperaron outros temas como a lírica medieval, sobre todo porque foi o Reino máis antigo da Europa occidental”, tendo en conta que os suevos chegan á Gallaecia romana en 410 e que desde ese momento Galiza xa ten reis e que o reino non desaparece formalmente ata 1834 coa creación das provincias.

Xosé Lois Vázquez foi o encargado de dar a coñecer a imaxe creada especificamente para o Congreso, na que se integran elementos do brasón e do escudo de armas do Reino de Galiza. O logotipo deseñado está composto por catro trevos brancos, unha copa real con tapadeira (representativa dos actos nobiliarios) coroada co ideograma dunha fortaleza (símbolo do poder político). Inclúense ademais dúas tipografías: unha que alude a un tipo de escrita con pluma e trazos góticos, e outra de estilo contemporáneo. Como fondo utilizouse unha trama, en versión azul ou granate, baseada nunha reprodución do Tombo A, da “vestimenta decorada” do cabalo de Alfonso X.

Relatores e relatorios

  • Jaume Sobrequés (Universidade Autónoma de Barcelona). ‘Historiografía catalana versus historiografía española: un exemplo historiográfico alternativo’
  • Ramón Grosfóguel (Universidade de Berkeley, California). ‘A dialéctica entre a conquista do reino de Galicia e a conquista de Al-Ándalus na Península Ibérica’
  • Pablo C. Díaz Martínez (Universidade de Salamanca). ‘Fontes e historiografía do reino suevo, Unha relectura’
  • Martín Fernández Calo (Historiador). ‘Reis antes do Reino: arredor da entidade e previvencia das xefaturas tribais galaicas ata o albor da Idade Media’
  • Alberte Lago Villaverde (Murguía – Revista Galega de Historia). ‘O reino alto-medieval no seu contexto europeo’
  • Mariña Bermúdez Beloso (Universidade de Santiago de Compostela). ‘Terras, condados, territorios: recompoñendo un crebacabezas’
  • Carlos Andrés González Paz (Instituto Padre Sarmiento). ‘Contribución á socioeconomía agraria da Galicia medieval: a viticultura heroica nas terras de Mondoñedo’
  • Carlos López Bernárdez (Historiador da arte). ‘A arte na Galicia tardorromana e medieval. Desde a creación do reino ao ano 1.000’
  • Carlos Baliñas (Universidade de Santiago de Compostela). ‘A Gran Fenda. A desagregación do vello “Regnum Gallaeciae” e as orixes da monarquía nacional feudal de Galicia (1037 – 1139 E.C.)’
  • Xosé Miguel Andrade Cernadas (Universidade de Santiago de Compostela). ‘En permanente reforma: o monacato na Galicia medieval’
  • Ramón Yzquierdo Peiró (Museo Catedral de Santiago) ‘Arte da Era Compostelá: unha Catedral para os reis de Galicia’
  • Heitor Picallo (Investigador) ‘O Reino de Galicia na heráldica europea’
  • Mercedes Brea López (Universidade de Santiago de Compostela). ‘Galicia e a lírica trobadoresca’
  • Xosé Ramón Pena (UNED) ‘Breve crónica da prosa medieval galega’
  • Eduardo Pardo de Guevara (Instituto Padre Sarmiento) ‘Vella nobreza e nova nobreza na Galicia medieval’
  • Anselmo López Carreira (UNED) ‘O lexitimismo galego entre Portugal e Inglaterra (século XIV)’
  • Antón Xosé Meilán García (Universidade de Oviedo) ‘Pardo de Cela e o Estado Moderno’
  • Pegerto Saavedra (Universidade de Santiago de Compostela) ‘As Xuntas e o final do Reino: do século XVI á década de 1830)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.