75 vehículos participarán esta fin de semana na 34 edición do Rally Cidade de Narón

A cidade acollerá esta fin de semana, dende o xoves ata o sábado, a trixéximo cuarta edición do Rally Cidade de Narón que reunirá a 75 vehículos procedentes de diferentes comunidades autónomas

A alcaldesa, Marián Ferreiro e o concelleiro de Deportes, José Oreona, presentaron o evento xunto con Moncho Padín, secretario da Escudería Siroco Narón e director da proba, Ramiro Fandiño, responsable de Seguridade do rally, José Vicente Medina, vicepresidente da Federación Española de Automobilismo, o Comisario da Policía Nacional de Ferrol-Narón e varias autoridades da Garda Civil, así como da Policía Local e o Speis de Narón. Ferreiro recordou que a proba será puntuable para a Copa de España de Rallys de asfalto Cera-Recalvi e felicitou á Escudería Siroco Narón pola organización do evento, en colaboración co Concello e a Federación Galega de Automobilismo.

Ademáis de Narón, o rally discurrirá polos concellos de As Somozas, Cerdido, Monfero e Moeche. Así mesmo, na Praza de Galicia estivo o vehículo gañador da pasada edición desta proba, o Ford Fiesta R5 MKII do asturiano Óscar Palacios e en representación da Escudería Siroco Narón estiveron o BMW M3 de Fernando Rico e o Ford Escort RS MKII de Javier Bouza. Os irmáns Sergio e Diego Vallejo, Víctor Senra, Luís Vilariño e Francisco Dorado, entre outros, estarán entre os pilotos desta edición.

Ferreiro avanzou que a distancia total do percorrido será de preto de 400 quilómetros, en dez tramos cronometrados que suman 122 quilómetros. O xoves pola tarde levaranse a cabo as verificacións administrativas e técnicas no polígono de Río do Pozo, donde tamén se ubicará o parque de asistencias. O venres pola mañá, dende as 9.30 horas, será o shakedown para equipos Cera-Recalvi por Sedes (Narón) e pola tarde serán os dous primeiros tramos do rally, a partir das 17.00 horas, por Gradoi (Talleres Casal e Pernas), de 9,9 quilómetros e San Pedro (Ferrol), de 14,9 quilómetros. Na xornada do sábado pola mañá están programados, tamén a dobre pasada, dende as 9.00 horas os de Boucido (Talleres Gandoy), de 12,4 quilómetros, As Barbelas (Autolife Neumáticos), de 14,5 e Pedroso (Autos Pasuco), de 9,10 quilómetros, coa ceremonia de entrega de trofeos ás 16.15 horas nas inmediacións do Centro Comercial Odeón.

O director da carreira e o representante da Federación Española de Automobilismo agradeceron a implicación do Concello e do resto de firmas colaboradoras, indicando que participarán unhas 350 persoas no operativo do rally. Padín indicou sobre a proba que “quixemos facer un rally máis grande, similar ao de supercampionato e ogallá un día poidamos dar o salto” e destacou a calidade dos vehículos e pilotos que participarán na convocatoria, que se poden consultar a través da web: www.rallyenaron.org. Pola súa banda, o presidente da federación estatal felicitou ao Concello de Narón pola organización deste evento e recordou o reto do pasado ano para crear a copa Cera-Recalvi. “A lista de inscritos neste rally está moi ben e suporá tamén unha rendabilidade económica para o entorno”, indicou Medina.

A alcaldesa da cidade destacou que “é unha satisfacción poder celebrar un ano máis esta importante proba deportiva na cidade, que é xa toda unha referencia no mundo do automobilismo e da que disfrutaremos novamente esta fin de semana da man do Siroco Narón e de todas e todos os profesionais que dende as diferentes áreas velarán polo correcto desenvolvemento do rally, aos que agradezo o seu traballo”. Ferreiro, xunto co resto da organización, realizou un chamamento para que o público colabore, respectando todas as indicacións e recomendacións que se realicen dende a organización e tamén o medio ambiente.

As persoas interesadas poden consultar toda a información relativa a este evento deportivo –detalles dos diferentes tramos, participantes- a través da páxina web: http://www.rallyenaron.org/.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.