A Casa-Museo Manuel María, en colaboración coa Federación Galiza Cultura, celebra unha nova edición do Convivio da Cultura Galega o vindeiro 9 de xullo

A banda e Música SONS E SOÑOS de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, estará acompañada por UXÍA nun concerto único preparado para a ocasión

 A Casa-Museo Manuel María, en colaboración coa Federación Galiza Cultura, vén de presentar a IX edición do Convivio da Cultura Galega que se celebrará na carballeira de Santa Isabel en Outeiro de Rei o próximo 9 de xullo, retomando esta xornada lúdica e festiva que se veu alterada nestes dous últimos anos, tanto na data como no seu deseño, pola Covid-19.

A Casa-Museo Manuel María e a Federación Galiza Cultura convidan todas as galegas e galegos e entidades culturais a participaren nesta romaría-foliada ao redor da figura de Manuel María, para celebrar a cultura de Galiza e o traballo de base que levan a cabo as distintas asociacións culturais.

O encontro dará comezo ás 11.30 coa acollida diante da Casa-Museo Manuel María de todas as persoas asistentes, para saíren cara ao cemiterio parroquial de Outeiro, onde se fará unha ofrenda ao poeta chairego. De alí baixarase cara a paraxe natural de Santa Isabel onde se desenvolverá o resto do día que comezará cun concerto único, ás 12.30 hrs, preparado para a ocasión, da Banda de Música SONS E SOÑOS de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol e UXÍA, a grande cantora galega. Pola tarde, e tras o xantar, levarase a cabo, desde as 16.45 hrs, unha foliada animada por Xurxo Souto e na que participarán grupos de música tradicional como PARABÉNS, TRADIVIVAS AGRA, BIRLOQUE GAITEIROS, AIRINHOS DO FIOUCO E FOLIADEIR@S DO CASTRO, alén do propio Xurxo, que xunto con Richi Casás, interpretará algunhas das súas pezas.

Durante a mañá do propio sábado, na Casa-Museo Manuel María, as xuntas directivas das entidades culturais que conforman a Federación Galiza Cultura, entidade que promove o Convivio xunto á Casa-Museo Manuel María, manterán un encontro para articular a súa actuación en común nos próximos meses.

O programa para este día será o seguinte:

11.30 Acollida de participantes diante da Casa-Museo Manuel María ao son da música de Birloque Gaiteiros.

11.45 Saída a pé para a carballeira de Santa Isabel con parada no cemiterio de Outeiro para realizarmos unha ofrenda a Manuel María.

12.30 Actuación, en Santa Isabel, da Banda de Música SONS E SOÑOS de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, dirixida por Armando Morales, e acompañada pola voz de UXÍA.

13.45 Xantar de convivio (cada quen ten que traer a súa comida e bebida)

16.45 Foliada na carballeira coa actuación de PARABÉNS, XURXO SOUTO e RICHI CASÁS, TRADIVIVAS AGRA, BIRLOQUE GAITEIROS, AIRINHOS DO FIOUCO E FOLIADEIR@S DO CASTRO. Guía a festa: Xurxo Souto.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.