A Deputación de Lugo impulsa en Monterroso unha exposición sobre a historia da Banda de Música de Antas

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, inaugurou este mércores na Praza Alcalde Antonio Rojo Losada, de Monterroso, a mostra 125 anos resoando no Corazón de Galicia, que poderá visitarse neste concello ata finais de xuño. A Deputación de Lugo organiza esta exposición que repasa a historia da Banda de Música de Antas de Ulla con motivo do aniversario da agrupación.

Pilar García Porto animou aos veciños e veciñas de Monterroso, da comarca da Ulloa e do conxunto da provincia a visitar esta mostra, “coa que damos valor á historia e á riqueza que supón para o noso territorio contar coa Banda de Antas”. Esta agrupación é unha das formacións máis antigas de Galicia e “dinamiza a vida social e cultural, ademais de actuar sempre como embaixadora de primeiro nivel para a promoción da comarca”, celebrou a Deputada. Neste sentido, tamén subliñou que a agrupación ten “un gran pasado, pero tamén un gran futuro, garantido pola media de idade dos actuais membros da Banda, todos e todas eles moi novos”.

No acto, ademais da Deputada, estiveron presentes a Alcaldesa de Monterroso, Rocío Seijas Vázquez; a presidenta da Asociación da Banda de Música de Antas de Ulla, Candela Maceda Vázquez, e o autor e coautor do libro sobre a agrupación, José Salgado e Eduardo Salgado.

A exposición, que xa se puido visitar nos concellos de Antas de Ulla e, recentemente, en Palas de Rei, estará situada na Praza Alcalde Antonio Rojo Losada de Monterroso durante todo o mes de xuño. A Deputación financiou con 18.000€ a mostra, ademais de achegar outros 18.000€ para a celebración dos distintos actos conmemorativos da Banda de Música de Antas, entre os que se atopa a edición dun libro e de dous vídeos que documentan o percorrido da formación.

A Banda de Música de Antas de Ulla fundouse en 1896 e mantivo de forma ininterrompida a súa actividade ata a Guerra Civil, cando se disolveu, retomándose o proxecto a principios dos anos 80.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.