A maioría dos afogamentos de nenos en Galicia teñen lugar en piscinas e débense á falta de supervisión

Segundo un estudo realizado polo grupo Remoss e a Fundación Urxencias Sanitarias-061

Entre os anos 2006 e 2020, os servizos de emerxencias sanitarias atenderon en Galicia 100 episodios de afogamento de nenos e mozos en idade pediátrica, de entre 0 e 14 anos, dos que practicamente a metade correspondían a menores de catro anos. Un 46% destes incidentes non tiveron lugar en praias ou ríos, senón en instalacións acuáticas como piscinas particulares e no 55% dos casos tiveron como principal causa a falta de supervisión, xa que os menores atopábanse sos no momento do incidente. Estes son algúns dos datos que se extraen do estudo realizado polo grupo de investigación Remoss (Rendemento e Motricidade para o Salvamento e o Socorrismo) da Universidade de Vigo, xunto coa Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, publicado na revista Revista Española de Salud Pública, do Ministerio de Sanidad.

Realizado coa colaboración de investigadores das universidades de Santiago de Compostela, Oviedo e Barcelona, este artigo presenta os primeiros resultados do traballo que Remoss leva a cabo para elaborar o primeiro censo de afogamentos en Galicia, que abarca dende o incidente acuático, atendido polos socorristas ou por testemuñas, ata a alta hospitalaria. Inserido na investigación que a médica da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 Patricia Sánchez leva a cabo para a súa tese de doutoramento, que ten como obxectivo coñecer as características dos afogamentos que tiveron lugar en Galicia nos últimos 16 anos, a partir dos datos recollidos polo 061. “O obxectivo é non só coñecer que pasou, senón tamén que ocorreu, cando, onde e por que, xa que isto axuda a atopar medidas preventivas”, salienta o investigador principal do grupo Remoss. Roberto Barcala, que subliña que non existe ningún outro estudo en España destas características.

Unha “epidemia descoñecida”

“Non hai un rexistro oficial de afogamentos en Galicia”, engade Sánchez Lloria, que lembra que a pesar de que a investigación permitiu detectar un centenar os episodios de afogamento de menores de ata 14 anos neste período, o 9% con consecuencias mortais, “a realidade ten que ser moito maior”. Non en van, explica, o estudo susténtase “na análise caso por caso” das asistencias codificadas polos servizos de emerxencias sanitarias como “afogamento, case afogamento ou afogamento non mortal”, xa que este é un proceso “polo cal a aspiración de líquido desencadea unha hipoxia sistémica” que non ten porque ter como consecuencia o falecemento. Non obstante, como sinala a médica e investigadora, quedan fóra da análise, por falta de datos, aqueles casos “que foron derivados á Cruz Vermella ou Protección Civil” ou nos que as vítimas foron trasladadas en vehículos particulares. “É unha epidemia descoñecida e estamos observando que é máis epidemia do que parecía”, conclúe Sánchez. Nese senso, os autores e autoras deste artigo lembran que o afogamento constitúe “un importante problema de saúde pública na etapa infantil” e unha das cinco principais causas de morte de persoas de ata 14 anos en máis de 40 países.

Foto: Roberto Barcala, Patricia Sánchez e Martín Otero (Universidade de Vigo)

Afóganse máis nenos que nenas

Dos 100 casos analizados, o 62% correspondían a nenos e mozos, fronte ao 38% de nenas e mozas, presentando os varón un “maior risco de afogamento” en todas as idades analizadas. O 49% das vítimas tiñan así mesmo catro anos ou menos e nesta franxa de idade máis do 65% dos nenos e nenas sufriron este incidente en piscinas, públicas ou privadas, e outras instalacións acuáticas. De feito, neste grupo o risco de afogarse é maior “por caídas accidentais que por actividades acuáticas ou deportivas”, do que dá mostra o feito de que tamén se rexistrasen incidentes “en lugares non habilitados para o baño, como barreños, pozos ou lavadoiros”.

No conxunto da mostra, as piscinas e instalacións acuáticas concentraron o 46% dos accidentes, fronte ao 15% de ríos, lagos e encoros e o 34% de praias marítimas, onde se concentrou o maior número de afogamentos de mozos e mozas de entre 10 e 14 anos.

Como recolle o estudo, o 52% dos afogamentos tivo lugar entre as tres e as sete da tarde e no 55% dos casos a “principal causa foi a falta de supervisión”. De aí que os investigadores poñan o foco na importancia da prevención “como elemento nuclear” para evitar afogamentos. “Por exemplo, simplemente que as piscinas se vendan cun peche perimetral, como sucede en Francia, pode salvar moitas vidas”, apunta Barcala.

Case a metade dos casos, na provincia de Pontevedra

Dos 100 incidentes analizados 46 tiveron lugar na provincia de Pontevedra, 37 na da Coruña, 12 en Lugo e 5 en Ourense, sendo 2005 o ano con maior número de afogamentos e Cangas do Morrazo o municipio no que se deron en maior medida. En máis do 80% dos casos, excluíndo o dos seis menores que faleceron no lugar do incidente, as vítimas foron trasladadas a un centro hospitalario, no 47% dos casos, a unidades de coidados intensivos pediátricas. Non en van, estes episodios implicaron consecuencias como que preto do 40% dos afectados e afectadas presentasen un edema pulmonar e que o 34% rematasen sufrindo pneumonía.

A investigación pon así mesmo de relevo a importancia que ten neste tipo de situacións a manobra de reanimación cardiopulmonar (RCP), realizada polo 42% das persoas que presenciaron estes accidentes. Segundo recolle o artigo, no 79% dos casos analizados producise un “retorno da circulación espontánea”, a recuperación das constantes vitais, e cando aconteceu isto, a mortalidade foi do 3%, fronte ao 89% cando non se produciu. Deste xeito, unha das conclusións do estudo é como “o inicio da reanimación por testemuñas”, sumada “á rápida resposta dos servizos de emerxencias” sanitarias, que tardaron unha media de 12 minutos en chegar ao lugar do incidente, fixeron posible esta “alta taxa de supervivencia”.

Os primeiros pasos nun amplo campo de análise

Os resultados deste estudo recóllense no artigo Análisis descriptivo de las causas, consecuencias y respuesta de los sistemas de Salud Pública en los ahogamientos pediátricos en Galicia. Un estudio retrospectivo de 17 años, que asinan, xunto a Barcala e Sánchez, o tamén investigador do grupo Remoss e profesor da Escola de Enfermaría Martín Otero; Silvia Aranda, da Universitat de Barcelona; Oscar Cosido e Jorge Blanco, da Universidad de Oviedo, e Ignacio Muñoz e Antonio Rodríguez, da USC. Trátase, como sinalan Barcala e Sánchez, dos primeiros resultados dunha investigación que pretende incluír todas as franxas de idade, así como as consecuencias económicas deste “problema silenciado”. O proxecto “busca coñecer as diferentes manifestacións do afogamento”, salienta Barcala. De feito, unha vez realizado a análise global, o seu propósito é continuar esta liña de estudo analizando “os incidentes con múltiples vítimas” e na casuística que afecta ás persoas maiores. “Estamos aínda extrapolando datos e fáltanos aínda analizalos de forma máis rigorosa, pero chama a atención que as piscinas particulares son tan perigosas ou máis para as persoas maiores como para os nenos”, adianta nese senso Sánchez Lloria.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.