A plantilla do Hockey Club Liceo será a encargada de queimar a falla de San Xoán

O Concello da Coruña está xa a despregar todos os preparativos para o día grande da programación das Festas de San Xoán, que culminará mañá xoves co grande espectáculo das fogueiras na praia de Riazor, a tradicional queima da falla na praia de Riazor e os concertos de Los Mecánicos e Miss Caffeina.

O programa de actividades comezará pola mañá, con actividades familiares a partir das 11.30 horas no Campo da Leña. Organizaranse xogos populares e desenvolveranse obradoiros de herbas de San Xoán e unha actuación teatral de Pakolas, titulada «Ramona Órbita, a dona do tempo». As actividades dirixidas a público infantil están a acadar un grande éxito, con máis de 1.000 rapazas e rapazas participantes nos obradoiros de decoración de sardiñas e as sesións de contacontos que se están a celebrar durante toda a semana en distintos barrios da cidade e conclúen hoxe nas prazas de Mariñeiros e da Tolerancia a partir das 18.00 horas.

Os pratos fortes da programación

A programación da tarde comezará coa apertura do acceso ás praias para prender as fogueiras, a partir das 19.00 horas. O encargado de animar o primeiro tramo da Noite Meiga será o grupo coruñés Los Mecánicos, a partir das 22.30 horas na explanada do Palacio dos Deportes de Riazor, e o prato forte será o concerto da banda Miss Caffeina, na mesma localización a partir das 00.30 horas. A formación está este verán presentando o seu último disco, ‘El año del tigre’, por todo o territorio nacional.

Miss Caffeina subirá ao escenario xusto despois do acto culminante da tradición festeira de San Xoán, a queima da falla na praia de Riazor, prevista para as 00.00 horas, que comezará cunha sesión de fogos de artificio e contará coa participación da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e representantes do Hockey Club Liceo, que se acaba de proclamar campión da OK Liga. Como simbólica homenaxe a este laureado equipo, que xa conseguiu o seu oitavo título, a alcaldesa levará no seu cinto unha fibela co escudo do Liceo. As mulleres serán este ano as grandes protagonistas da falla, un conxunto escultórico que reunirá a efixie da alcaldesa coa de mulleres senlleiras na historia da Coruña ás que a cidade lles rende homenaxe, no caso da actriz María Casares polo centenario do seu nacemento, e da escritora Emilia Pardo Bazán, tras cumprirse o centenario do seu falecemento o pasado ano. Tampouco faltarán a despedida simbólica das máscaras que marcaron a pandemia da COVID ou o tributo ás fieis persoas seguidoras do Deportivo da Coruña.

O maior dispositivo de seguridade da historia da cidade

En previsión da masiva afluencia de público tanto ás praias como ás festas dos barrios, o Concello da Coruña despregou un importante dispositivo de seguridade, co obxectivo de garantir o correcto desenvolvemento desta xornada festiva. Ademais, mañá xoves celebrarase o concerto de Alejandro Sanz no Coliseum, o que requirirá de persoal municipal extraordinario.

Os dispositivos de seguridade implicarán a 662 persoas. Isto supón que o dispositivo de seguridade deste San Xoán será o maior da historia desta celebración na cidade. Os efectivos repartiranse entre 149 axentes da Policía Local, 65 persoas do corpo de Bombeiros, 44 de Protección Civil e haberá tamén máis de 50 vixiantes contratados para os accesos ás praias. O dispositivo complétase co persoal de limpeza e a novidade dos Puntos Violeta, que estarán operativos ata as 4.00 horas do 24 de xuño.

O posto avanzado de mando estará na Coiraza do Orzán para xestionar todas as comunicacións. Alí tamén se instalarán cinco cámaras de seguridade e outra de visión térmica, que permitirá detectar a entrada de persoas no mar en horario nocturno. Tamén se instalarán outras seis cámaras portátiles enlazadas por radio ao longo do Paseo Marítimo. Este dispositivo estará operativo dende as 19.00 horas do 23 de xuño ás 8.00 horas do 24 de xuño. O persoal da Policía Local e de Bombeiros en terra estará apoiado durante ese tempo polo Grupo de Rescate Acuático dos Bombeiros, que patrullará no mar cunha moto de auga e unha embarcación. Os dispositivos de videovixilancia permitirán ter un control total e en tempo real de todos os puntos das praias de Riazor, Orzán e Matadoiro.

Sardiñadas e churrascadas

Mañá estarán permitidas, sen necesidade de comunicación previa a Seguridade Cidadá, as sardiñadas e churrascadas, sempre e cando non ocupen a calzada nin entorpezan a circulación de vehículos. Deberanse realizar entre as 13.00 e as 16.00 horas, e entre as 20.00 e as 00.00 horas.

Haberá que cumprir unha serie de medidas de seguridade que veñen detalladas no bando municipal de San Xoán, como son a distancia entre grellas ou a elevación do chan. As beirarrúas deberán quedar libres para permitir o paso de peóns e peoas. As sardiñadas e churrascadas que ocupen a calzada deberán realizar unha comunicación previa cunha antelación mínima de 48 horas.

Fogueiras

Na noite do 23 de xuño estará permitida a realización de fogueiras en espazos de titularidade pública. Por tanto, só poderán prenderse en caso de ter presentada unha comunicación previa por escrito á Área de Seguridade Cidadá antes do 17 de xuño. O Concello contará con 120 toneladas de madeira para repartir entre a cidadanía na contorna do Paseo Marítimo, Oza e San Amaro. O seu reparto comezará ás 19.00 e estará permitido baixala á praia a partir das 19.30 horas.

Zonas de exclusión e limitacións nos areais

Por outra banda, o baño nas praias estará prohibido desde mañá xoves ás 22.00 até as 9.00 horas do venres 24 de xuño. Os servizos de emerxencia poderán determinar que unha cacharela excede a altura permitida por razóns de seguridade. Isto determinarase en función da súa localización, a distancia con edificios e outros elementos da contorna. Non estará permitido realizar fogueiras preto de colectores, vehículos e outros elementos. Tampouco estará permitido o uso de combustibles líquidos nin de acelerantes para prender as fogueiras. Está prohibido queimar plásticos, cauchos, rodas, colchóns, madeira lacada, goma espuma e outros obxectos que poidan producir gases tóxicos. Non se permitirá o acceso ás praias con mobles nin obxectos voluminosos, ou madeira que leve puntas ou cravos.

Nas zonas de exclusión non se poderá prender lume de ningún tipo. As ditas zonas son: totalidade do trazado do oleoduto, e gasoduto de alta presión, o parque de Bens incluíndo a praia de Bens, o Monte de San Pedro, os xardíns de Méndez Núñez, os xardíns de San Carlos, a praza das Bárbaras e a contorna da Torre de Hércules, incluído o merendeiro das Lapas e a praia da Lapas e as calas dos Mouros e de Durmideiras, sen prexuízo de que os servizos de Seguridade poidan designar algunha outra zona baseándose en criterios de protección das persoas e os bens públicos.

Por outra banda, está prohibido trasladar colectores de residuos e cambiar a súa localización debido aos desaxustes que isto causa na recollida de lixo durante os días posteriores á celebración. Tampouco estará permitido baixar con vidro ás praias. Estes residuos deberán depositarse nos puntos habilitados nos accesos aos areais. Non estará permitida a solta de globos de papel, farois chineses ou similares cuxo medio de ascensión sexa o lume.

As praias deberán estar libres ás 6.00 horas do día 24 de xuño para que comece o operativo de limpeza. Por outra banda, con carácter xeral, autorizarase a ampliación do horario dos establecementos de ocio e hostalería en dúas horas. As persoas responsables deberán presentar unha autorización previa.

Tráfico, seguridade e transporte público

O peche da circulación activarase no Paseo Marítimo, entre As Escravas e o Aquarium Finisterrae, a partir das 19.00 horas. Os servizos de seguridade e urxencias restablecerán o tráfico segundo evolucionen as celebracións. Como é habitual, instalaranse dous hospitais de campaña no Paseo Marítimo para atender emerxencias médicas.

Por outra banda, establecerase un dispositivo especial de transporte público, consistente en oito liñas especiais que comunicarán os barrios coa praza de Pontevedra. Terán cada unha delas unha frecuencia de 10 minutos ata as 2.30 horas. O servizo nocturno estará operativo entre as 3.00 e as 6.30 horas cunha frecuencia de 30 minutos. Os tempos son aproximados e poderían variar en función do tráfico. Para a saída do concerto de Alejandro Sanz no Coliseum reforzarase o servizo de transportes urbanos con tres autobuses desde a avenida de Alfonso Molina, xunto á pasarela peonil, ata a praza de Pontevedra.

As liñas que estarán dispoñibles durante a noite de San Xoán serán: 1, 1A, 3, 6, 7, 11, 21 e unha circular entre a Cidade Vella e Monte Alto (3A). Ademais, o servizo nocturno, con saídas cada media hora, seguirá o seu itinerario habitual. O obxectivo é conectar todos os barrios da cidade coa praza de Pontevedra e permitir un desprazamento cómodo e seguro da cidadanía.

Por outra banda, este xoves estarán cortadas varias rúas ante as numerosas solicitudes de hostaleiros para levar a cabo sardiñadas e churrascadas. Trátase da rúa San Xoán, que pechará ao tráfico de 20.00 a 1.30 horas; Emilia Pardo Bazán, pechada de 17.00 a 1.30 horas; e Antonio Viñes, de 13.00 a 1.30 horas.

Puntos violeta

Como novidade, o Concello da Coruña habilitará tres puntos violeta no Paseo Marítimo. Estarán na zona das Escravas, fronte á Coiraza e na fonte dos Surfeiros. Trátase de espazos seguros que lle ofrecen información á cidadanía en xeral e asesoramento e atención psicolóxica ás adolescentes e mulleres en materia de violencia machista, sobre todo aquelas relacionadas coa violencia sexual. Con esta medida, o Concello busca favorecer o goce do San Xoán en condicións de igualdade. O horario de atención destes espazos será dende as 22.00 horas de mañá xoves ás 4.00 horas do venres 24.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.