A RAG edita unha guía para o plurilingüismo inclusivo dende o galego

‘Ideas para un plurilingüismo dende o Concello de Ames’ é un recurso que responde á demanda de formación do profesorado. Defende unha concepción do plurilingüismo que non se reduza a unha visión meramente instrumental e que aposte polo diálogo entre culturas

A Real Academia Galega presentou este luns na Casa da Cultura do Milladoiro Ideas para un plurilingüismo dende o galego no Concello de Ames, unha guía que pretende contribuír á reflexión sobre a situación sociolingüística, ofrece aclaracións conceptuais sobre o tema que aborda e propón estratexias de cara á planificación nos centros educativos dende a premisa do ecolingüismo como “unha aposta ética e unha opción viable”. A publicación avoga así por construír a partir do galego un plurilingüismo inclusivo, que non se limite a unha visión instrumental centrada exclusivamente na competencia en varios idiomas e que reforce tamén o respecto pola diversidade cultural.

O folleto dálle continuidade á colaboración entre a RAG e o Concello de Ames arredor do Mapa sociolingüístico escolar e sae do prelo co apoio do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia. Na presentación, que tivo lugar na Casa da Cultura do Milladoiro interviñeron o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o coordinador do Seminario de Sociolingüística, Henrique Monteagudo; a coautora da guía e profesora de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, María López Sández; o tenente de alcalde e concelleiro de Educación de Ames, David Santomil; a concelleira de Política Lingüística, Escarlata Pampín; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Un recurso de formación para o profesorado

Tras a elaboración do Mapa sociolingüístico escolar de Ames, constatouse a necesidade de fornecer o profesorado de formación e recursos sobre o plurilingüismo, unha eiva que esta guía, elaborada dende o Seminario de Sociolingüística da RAG coa colaboración de Bieito Silva e María López Sández, pretende contribuír a paliar comezando pola definición do propio concepto, explica Henrique Monteagudo. “Tal e como esta presentado no Decreto 79/2010, o plurilingüismo abórdase dende unha visión moi instrumental. Pero cómpre ir máis alá da mera aprendizaxe das linguas, e do inglés en particular, e ter en conta o diálogo intercultural”, salienta o coordinador do Seminario de Sociolingüística.

Na presentación da guía os autores lembran os riscos dunha implantación acrítica de modelos educativos multilingües “sobre os procesos pedagóxicos, as prácticas dos falantes ou a situación social das linguas minoradas”; e sinalan tamén outros elementos que cómpre ter en conta en contextos coma o de Ames onde, xunto aos cambios sociais derivados da irrupción das novas tecnoloxías, se experimenta un crecente impacto da inmigración que debe abordarse cunha proposta respectuosa cos galegofalantes e, ao mesmo tempo, “acolledora para a nova veciñanza e útil para o futuro do alumnado”.

“Nun contexto de globalidade, comunicación e intercambio coma o actual, a escola galega precisa atopar un xeito de garantir ás novas xeracións as competencias necesarias no presente pero asegurando na mesma medida o futuro da lingua galega”, expón a guía, que conclúe que en Galicia un “plurilingüismo socialmente inclusivo, respectuoso e potenciador da diversidade, que garanta a competencia en varios idiomas e que se comprometa co futuro da lingua galega debe construírse a partir do galego”.

Valorar a diversidade comezando polo propio

Os autores salientan que o concepto do plurilingüismo implica sumar e non restar e formulan a necesidade de estender o ecolingüismo, baseado na idea de que, como na natureza, a diversidade lingüística é un valor e unha calidade do progreso e da responsabilidade cívica. “Un individuo só é verdadeiramente plurilingüe se sabe ser e comportarse de acordo cunha filosofía de respecto e valoración da diversidade lingüística. Unha valoración que, sen chauvinismos, debe comezar pola lingua propia, porque, como canta Mª Xosé Silvar (Sés), ninguén pode amar o alleo se despreza o que ten”, engaden.

Entre as propostas que formulan para o ámbito educativo, os autores defenden que, máis de dez anos despois da aprobación do Decreto do Plurilingüismo, cómpre realizar “unha axeitada avaliación” das consecuencias sobre o equilibrio e a percepción das linguas, especialmente sobre a propia. Advirten que é preciso implicar o conxunto do profesorado na tarefa colectiva de promover unha actitude respectuosa cara a todas as linguas, suxiren a posta en marcha de proxectos interlingüísticos e subliñan a importancia de potenciar a diversidade lingüística no ámbito escolar alén das aulas. “Que, por pórmos un exemplo, o profesorado de castelán, ou de lingua estranxeiras ou de materias que, por calquera motivo, non se impartan na lingua propia, interactúe co alumnado en galego nos momentos nos que non está a dar aulas pode contribuír enormemente a racharmos con prexuízos lingüísticos e a construírmonos unha percepción acorde coas directrices europeas e cos principios de ecoloxía lingüística que, a día de hoxe, asumimos como un valor e que, en Galicia, pasan por preservarmos e defendermos a lingua propia”, apúntase.

Un desafío que require sumar esforzos

Neste liña, o presidente da RAG lembra que este novo traballo é parte das contribucións da Academia ao diagnóstico e á posta en marcha de medidas que freen a creba da transmisión xeracional da lingua galega, un desafío que esixe actuar dende as idades máis temperás e contando coa colaboración de todos os axentes sociais. “Cada vez somos mais conscientes de que a transmisión xeracional do idioma require non só incidir no papel das familias e dos primeiros niveis do sistema educativo, senón tamén da implicación de todas as institucións civís, artellando unha actuación global que atinxa o mundo do lecer, das novas tecnoloxías, do consumo en xeral etc.”, expresa Víctor F. Freixanes.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destaca “a importancia de actualizar e formular os contidos dun concepto tan amplo como é o plurilingüismo e de dar coas fórmulas axeitadas para que a lingua galega teña o seu espazo e mesmo se vexa enriquecida dentro dun sistema de coñecemento de linguas que cada vez será máis amplo”.

A concelleira de Normalización Lingüística subliña que os beneficios do plurilingüismo son “indiscutibles, mais tamén é indiscutible o feito de ter que levar a cabo unha proposta de plurilingüismo inclusivo dende o galego asegurando na mesma medida o futuro da nosa lingua”. Escarlata Pampín lembra, neste sentido, os datos do Mapa sociolingüístico escolar de Ames, que reflicten a creba na transmisión xeracional da lingua. “O dato esperanzador é a presenza case parella do galego e o castelán entre as familias do municipio. Pero o castelán é a lingua principal de máis do 70 % do alumnado de educación primaria. Os resultados amosan que o proceso de abandono da lingua comeza xa no primeiro contacto coa escolarización. Cómpre actuar con urxencia, antes de que a desfeita sexa irreparable”, indica.

A concelleira expresa por último “a disposición absoluta por parte do Concello de Ames para colaborar, participar ou ser diana de calquera proposta ou proxecto pioneiro” que promoción do galego.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.