A Xunta avanza na ampliación do IES Sanxillao de Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, explica que as obras céntranse agora en completar os interiores do novo edificio, xa construído, e conectalo co actual a través dunha pasarela

A Xunta de Galicia avanza na execución das obras de ampliación do IES Sanxillao, en Lugo, que gañará 622 metros cadrados de superficie útil nas novas instalacións destinadas aos ciclos de FP da familia de Hostalería e Turismo.

O delegado territorial, Javier Arias, visitou hoxe o instituto acompañado de membros do equipo directivo para comprobar a marcha da actuación, na que o Goberno galego inviste 1,8 millóns de euros. Explicou que neste momento os traballos céntranse en completar os espazos interiores do novo edificio, xa construído, así como en executar a pasarela que o conectará co inmoble existente. Tamén se realiza unha escaleira exterior de evacuación en caso de incendios.

Arias destacou que o futuro volume permitirá contar con talleres para a elaboración de panadaría e repostaría; outros dous para preparar pratos fríos ou quentes e un taller-restaurante. Apuntou que esta semana xa se recibiu no centro o novo equipamento que se instalará, incluídas cociñas, fornos ou trens de lavado, entre outro material.

Xa está totalmente finalizada a obra do edificio existente, onde as reformas afectan a 726,64 metros cadrados de superficie. Así, a intervención inclúe modificar os vestiarios e os aseos da planta baixa; redistribuír os espazos no primeiro andar para crear un taller que faga as funcións de bar-cafetería, unha aula de cata e unha aula polivalente; e crear unha segunda aula polivalente e un almacén para material e mobiliario no segundo andar.

Referente nas ensinanzas de Hostalería e Turismo

Arias incidiu en que o IES Sanxillao oferta ESO, todas as modalidades de Bacharelato e Formación Profesional da rama de Hostalería e Turismo, “un eido no que este centro xa é todo un referente”.

Así, salientou que o vindeiro curso refórzase a oferta de ciclos coa implantación de dous novos, o superior de Guía, información e asistencia turística e o medio de Panadaría, repostaría e confeitaría, “un ámbito no que existe moita demanda por parte das empresas”, resaltou o delegado.

O centro conta actualmente con 725 alumnos e alumnas matriculados, 363 deles na ESO; 210 en BAC e 152 nos ciclos de Formación Profesional de réxime ordinario (123) e de adultos (29).

Un comentario

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *