A Xunta celebra en Lugo o Día dos Arquivos coa publicación dunha escritura de 1622 sobre a reforma da fonte de Mondoñedo

O Arquivo Histórico Provincial engrosa así a colección de Documentos singulares rescatados con motivo da efeméride, e ofrece tamén visitas guiadas e a exposición Postais para recordar

A Xunta de Galicia celebra hoxe no Arquivo Histórico Provincial de Lugo o Día Internacional dos Arquivos cunha nova edición dos Documentos singulares, dedicado nesta ocasión a unha escritura notarial que acaba de cumprir 400 anos, xa que data do 4 de abril de 1622, sobre o arranxo da fonte de Mondoñedo.

O centro, que depende da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, publicou unha reprodución do documento orixinal acompañada da transcrición, unha explicación sobre o seu contido e contexto, e a descrición arquivística.

Trátase dunha escritura de obriga e fianza, pola que o mestre canteiro Juan del Aro se compromete ante o concello de Mondoñedo a reparar a que por entón era a única fonte pública da cidade: a Fonte Vella. Inclúe as condicións que debe cumprir a obra, nas que se expresa polo miúdo as trazas, calidades, tipos de pedra ou argamasas que deben ter cada unha das partes da fonte e da condución e rebosadoiro das augas.

A directora do Arquivo, Dolores Pereira, abrirá os actos de conmemoración ás 19.00 horas. A continuación, Inés Pájaro, técnica do centro, presentará o documento, e o doutor en Historia da Arte Javier Gómez Darriba ofrecerá unha conferencia centrada na cidade de Mondoñedo durante a Idade Moderna, poñendo en valor outros documentos sobre a materia que custodia a institución.

O centro aproveita cada ano esta efeméride para rescatar algúns dos seus documentos para o público, engrosando a colección dos Documentos singulares. O obxectivo é que a cidadanía se achegue a eles e entenda que están ao seu servizo e recollen a memoria colectiva: Nada máis indispensable para os veciños e veciñas de Mondoñedo do século XVII que contar cunha fonte pública operativa na que satisfacer as súas necesidades, tanto para beber e cociñar como para atender á hixiene e a outros menesteres.

O Arquivo Histórico Provincial desenvolve tamén unha semana de portas abertas para que as persoas interesadas poidan coñecelo da man dos arquivistas, un convite que realizan con especial interese aos centros escolares da provincia. As citas poden reservarse no teléfono 982 828 318 ou no correo electrónico do centro: ahp.lugo.informacion@xunta.gal.

Ademais, continúa exposta a mostra do fondo fotográfico Arribas Postais para recordar, composta por 276 imaxes das provincias de Lugo e A Coruña; trátase dunha escolma da colección de 1357 placas procedentes da empresa Ediciones Arriba de Zaragoza, dispoñible para a cidadanía na súa totalidade a través do Arquivo Dixital de Galicia, Galiciana.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.