A Xunta reformou o colexio de Cervantes para lograr maior aforro enerxético e confort

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, sinalou que se melloraron as instalacións, con especial incidencia na cuberta, carpinterías, iluminación e aseos

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade reformou o Centro Público Integrado (CPI) de Cervantes para mellorar a eficiencia enerxética e o confort, destinando ás obras un investimento de 256.100 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o centro para comprobar o resultado das actuacións, que afectaron ao conxunto do edificio Este, de dúas plantas, no que se concentra a actividade fundamental do colexio.

No que respecta ás medidas para reducir o consumo enerxético, centráronse na cuberta, carpinterías e iluminación. Así, reparouse a cuberta de lousa para eliminar os puntos de filtración de humidades; substituíronse as ventás, persianas e capialzados por outras de maior estanqueidade e resistencia térmica, e renováronse luminarias, colocando outras de tipo LED e un sistema de regulación multisensor con control de presenza que axusta gradualmente o fluxo de luz en función da luz natural.

En canto á adecuación das dependencias, renováronse integramente os aseos de Educación Primaria da planta primeira, e tamén se melloraron os outros existentes no mesmo andar. Nos da planta baixa cambiáronse o solado, a carpintería interior, a iluminación e a grifería, reparando os falsos teitos e alicatados. Procedeuse ao pintado das fachadas exteriores e dos paramentos interiores, cambiouse o alicatado en estancias como o comedor, e esmaltáronse as carpinterías interiores de madeira, entre outras tarefas.

O delegado territorial lembrou que «na aposta pola dinamización do rural, resulta fundamental ofrecer servizos educativos de calidade e iso inclúe contar con infraestruturas modernas, espazos de convivencia que dean cabida a novas metodoloxías e á educación dixital, seguindo as directrices do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia deseñado pola Consellería».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.