A Xunta sinala que o novo proxecto de Ence nas Pontes “facilitará a Galicia seguir desenvolvendo o novo modelo industrial de economía circular”

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe, nunha rolda de prensa celebrada en Pontevedra na que tamén participou o director territorial de Ence en Galicia, Antonio Casal, que o proxecto desta compañía nas Pontes vai facilitar a Galicia seguir desenvolvendo o novo modelo industrial baseado na economía circular, as enerxías renovables e a sustentabilidade, dentro da aposta clara da Comunidade pola industria e por unha transición enerxética xusta

Tal e como se lembrou na rolda de prensa, trátase dun proxecto complementario (que nunca alternativo) á factoría de Lourizán, que lle vai permitir á empresa pechar o seu ciclo produtivo en Galicia. A iniciativa consistiría na instalación dunha planta para a recuperación de papel e cartón e a produción de biocumbustibles e fibras naturais recicladas, cun investimento de entre 330 e 350 millóns de investimento e a creación de máis de 1.000 empregos entre directos e indirectos.

Na súa intervención, Conde destacou o compromiso con Galicia de Ence, e sinalou que, no relativo ao proxecto das Pontes, a Xunta leva tempo traballando conxuntamente coa compañía para identificar o emprazamento idóneo, e que esta colaboración se vai manter ao longo de todo o ano que a empresa se dá de prazo para avaliar os aspectos técnicos, ambientais e financeiros.

No relativo á factoría pontevedresa, o vicepresidente primeiro sinalou que a Administración autonómica vai seguir traballando para que poida continuar a súa actividade, defendendo, xunto coa empresa, os traballadores, a industria auxiliar e loxística, o sector forestal e o Porto de Marín, que Ence siga na Ría de Pontevedra.

Neste punto, lembrou que hai argumentos para pensar que isto é posible: que a proposta de adscribir os terreos ao porto de Marín sexa considerada legal, xurídica e tecnicamente viable; e a decisión do Tribunal Supremo de admitir a trámite o recurso de casación presentado por Ence pola anulación da súa concesión en Lourizán.

Segundo remarcou o vicepresidente primeiro da Xunta, a segunda fábrica de Ence nas Pontes suporá unha oportunidade máis para a reactivación industrial das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e para converter estas zonas consideradas de transición xusta como foco do binomio industria-sustentabilidade que a Administración autonómica defende neste contexto de transición enerxética.

Conde lembrou que esta proposta se suma, ademais, a outros proxectos que tamén se prevé desenvolver nas Pontes, como o de Reganosa e EDP, para instalar unha planta de hidróxeno verde, e Sentury, que proxecta implantar unha factoría de pneumáticos das máis eficientes e avanzadas do grupo. A Xunta tamén aprobou recentemente iniciativas empresariais prioritarias na zona: unha fábrica de metanol de Forestal del Atlántico en Mugardos e a planta de reutilización de residuos de Valogreene Recinor nas Somozas.

O vicepresidente económico salientou que a Xunta vailles dar a máxima prioridade administrativa e prestará a máxima colaboración para que todos os investimentos que Galicia está captando se poidan consolidar e converter en proxectos tractores para a cadea de valor dos seus respectivos sectores.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.