Alternativa de Bergondo denuncia a falta de limpeza en parte da praia de Gandarío

Alternativa dos Veciños de Bergondo manifesta a súa preocupación diante da aparente desatención deste asunto por parte da alcaldesa, advertida por Juan Fariña do que está a pasar hai xa máis dunha semana.

Juan Fariña, concelleiro de infraestruturas, urbanismo e medio ambiente ven informando diariamente á alcaldesa da situación de parte da praia de Gandarío, onde a empresa contratada para a súa limpeza estival non está recollendo unha enorme acumulación de restos de algas secas e en fase de descomposición, nunha parte do areal. Fariña amósase perplexo diante da situación, xa que, tal e como asegura; “Eu mesmo fun testemuña da orde directa emitida pola propia alcaldesa mandando facer xa a limpeza desa parte da praia. Resulta sorprendente que -unha semana despois desa orde- aínda non se teña executado a mesma”. Mais tanto a sorpresa como a perplexidade diante da situación creada esténdese tamén entre usuarios da praia e veciños da zona.

Todo o mundo se pregunta por que non se limpa a praia ao completo ou por que non se obriga á empresa adxudicataria a cumprir con rigor o contrato asinado. Fariña tamén quere resaltar unha cuestión que ao seu xuízo resulta importante; “En ningún caso nos referimos á retirada do pequeno aporte diario de algas que transporta a marea. Son moi pouca cantidade e, ao contrario do que algunhas persoas aseguran, non poden considerarse, baixo ningún punto de vista, un lixo ou residuo. Son un elemento totalmente natural e desexable no noso litoral. Pero a enorme acumulación putrefacta de restos á que aludimos nada ten que ver con algo desexable. É preciso retirala canto antes.”

Desde Alternativa dos Veciños de Bergondo queremos manifestar a nosa preocupación por este asunto e instamos á alcaldesa a que ratifique de forma tallante as ordes dadas e as faga executar a quen corresponda. Preocúpanos que a imaxe da nosa praia con bandeira azul poida verse afectada ou mesmo que a propia bandeira poida correr algún risco debido a este desafortunado proceder.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.