Arangüena sobre a macrogranxa avícola de Curtis: “É unha potencial bomba de reloxería ecolóxica”

Alerta de que a declaración de impacto ambiental nin sequera avalía a “evidente posibilidade de impacto” sobre a cercana Rede Natura, como obriga a directiva de hábitats da UE

O deputado socialista Pablo Arangüena alertou hoxe sobre “a potencial bomba de reloxería ecolóxica” que pode supón a posta en marcha dunha macrogranxa avícola para a produción de ovos na localidade de Curtis. Arangüena xunto ao tamén parlamentario do PSdeG, Martín Seco, visitaron esta semana a zona na que proxecta a súa instalación.

A macrogranxa estaría integradas por 9 naves industriais con capacidade para un total de 216.000 galiñas poñedoras e xerarían máis de 4.300 toneladas de residuos animais ao ano, sen contar o amoníaco. Todo isto a carón do río Mandeo, nunha reserva da biosfera e moi preto da ZEC Betanzos-Mandeo, que forma parte da Rede Natura 2000.

Por este motivo, Pablo Arangüena vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento nas que lle reclama á Xunta que “aplique con rigor a lexislación ambiental” na tramitación administrativa desta macrogranxa. Solicita, de maneira específica, que o goberno galego considere e prevea, entre outras cuestións, a posibilidade de contaminación no río Mandeo, que está integrado na Rede Natura 2000 -nunha zona próxima á macrogranxa- e nos acuíferos da zona, así como o aumento das emisións de amoníaco.

Neste aspecto, Pablo Arangüena sinala que, malia que a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) da Xunta considera que o proxecto é ambientalmente viable, a directiva de hábitats da UE establece a obriga de que calquera plan ou proxecto que poida afectar de forma apreciable á Rede Natura se avalíe en canto á posible afección aos seus espazos. Porén, neste caso, “non se aprecia ningún tipo de análise, nin sequera consideración desa afección, en oposición á normativa comunitaria”.

Así, tendo en conta que se trata dunha instalación que xeraría un volume enorme de residuos e que estaría radicada na cabeceira dun río que forma parte da Rede Natura, “a posibilidade de impacto sobre ese espazo é evidente”. Con todo, esta cuestión “nin sequera foi considerada na DIA”, denuncia Pablo Arangüena, quen tamén apela ao principio de “precaución e acción cautelar” que recolle a Lei de avaliación ambiental.

Arangüena incide ademais en que na ZEC Betanzos-Mandeo, próxima ao lugar, existen hábitats de interese comunitario e especies como o salmón (de interese comunitario), a lamprea (catalogada como vulnerable) ou o mexillón de río (en perigo de extinción). A maiores, o río Mandeo proporciona auga á vila de Betanzos.

Subliña tamén que a propia DIA establece que a macrogranxa está afectada pola Lei de prevención e control integrados da contaminación, que reforza o control ambiental sobre actividades que poidan implicar unha especial carga contaminante. É o caso das instalacións dedicadas á cría intensiva de aves de curral que teñan máis de 40.000 prazas se se trata de galiñas poñedoras. Pablo Arangüena alerta de que aquí “falamos dun proxecto que multiplica por máis de 5 o tope establecido por esa lei”.

Amoníaco

Por outra banda, o deputado socialista explica que “unha macrogranxa como esta xeraría unha gran emisión de amoníaco, o que podería implicar un incumprimento da directiva europea de emisións por parte do Estado”. Pero este aspecto “nin sequera aparece referenciado na DIA”.

Neste senso, Arangüena recolle as manifestacións realizadas polo grupo ecoloxista Arco Iris, que di que a entrada en funcionamento da macrogranxa significaría “a inmediata vulneración dos compromisos adquiridos polo Estado na directiva europea de emisións”, o que podería dar lugar a un expediente sancionador.

Finalmente, Pablo Arangüena lembra que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou recentemente a DIA do proxecto de ampliación dunha granxa de 25.000 galiñas (a décima parte das de Curtis) na provincia de Ourense por non avaliar axeitada e acumulativamente o seu impacto. “O goberno galego”, conclúe, “debería analizar minuciosamente esta sentenza para non seguir cometendo erros na aplicación do dereito”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.