As alumnas de atención sociosanitaria do Obradoiro de Emprego A Laracha VII realizan un curso sobre coidados a persoas con dano cerebral

Impartido por persoal de FAGADACE e ADACECO

As alumnas da especialidade de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais do Obradoiro de Emprego A Laracha VII realizaron un Curso de Atención no fogar de persoas con dano cerebral. Foi impartido pola Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE), cunha duración de 8 horas e co obxectivo de capacitar ao persoal para a atención específica dese tipo de persoas.

Á fronte do curso estiveron unha técnica de formación, a traballadora social de FEGADACE e a terapeuta ocupacional da Asociación de Dano Cerebral da Coruña (ADACECO). Traballaron aspectos como a detección do dano cerebral, as pautas para avaliar a evolución da persoa afectada, habilidades comunicativas, transferencias e cambios posturais, hixiene, curas, acompañamento no tempo libre e actividades de lecer, entre outros.

Esta formación complementa a que xa recibiron dentro do Obradoiro de emprego A Laracha VII para a obtención do certificado de profesionalidade. Esta semana o grupo de alumnas traballadoras inician a terceira e última quenda de prácticas nos centros de día e residenciais da Laracha, Arteixo e na Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos da Coruña, polos que foron rotando para coñecer realidades diferentes no día a día do traballo con persoas maiores e/ou dependentes.

De maneira paralela, dentro do Obradoiro de emprego A Laracha VII, a especialidade de Pintura industrial en construción continúa cos traballos de mellora de edificios públicos da Laracha, como fixeron no pavillón municipal e no campo de fútbol A Porta Santa de Paiosaco.

Este programa dual de formación e emprego é organizado e financiado grazas á cooperación entre o Concello da Laracha e a Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.